xoves, 21 de agosto de 2025

XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez

Unha tenda azul cobalto de Antonio Yáñez Casal acadou XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez a texto e Fernando Díaz Mirón á ilustración. Aparece publicado pola Deputación de Ourense que é quen convoca o certame para homenaxear a estas escritoras que foron pioneiras na nosa literatura infantil.

Do texto, o xurado destacou a súa orixinalidade e o rompedor da súa temática; ademais, subliñou, posúe unha linguaxe e un estilo coidados, e favorece a transmisión de valores necesarios como o traballo en equipo e a perseveranza.  Unha historia longa, contada polo sobriño do protagonista, un tendeiro que cando pecha a tenda (apremiado polos supermercados e centros comerciais) atopa unha caixa que lle deixou unha veciña, a señora Coralia, xustamente o día que morreu. Como ninguén pasou a recollela ábrea e atopa un libro co título Instrucións para atender unha tenda que non é unha tenda. Fáiselle saber que non pode perdelo agora que a dona xa non está e aparecerá a buscar axuda un neno que estaba a soñar co avó e espertou sen saber o final do soño. Na busca dese soño van percorrer medio mundo ata dar coa chave que abra a porta a esa realidade. Unha historia surreal que se vai complicando mentres aparecen no paso das Termópilas, na guerra de Troia ou outros lugares e situacións sen nome coñecido.

En canto ás ilustracións, o xurado destaca "a importancia do traballo, unha obra realizada de xeito manual a lapis, que capta moi ben os feitos da narración. As ilustracións teñen moi bos enfoques, con xogos e perspectivas diferentes, e complementan a narración sen interferir nela, o que favorece que o lector poida imaxinar a historia libremente".

Xirarei! de Pablo Carreiro publicado por Cuarto de inverno.

Da presentación editorial: "Xirarei! é un percorrido único por Galicia que mestura humor, tenrura e unha fonda admiración pola cultura galega. A través dun itinerario que abrangue os recunchos máis fermosos e emblemáticos da terra, o autor fainos partícipes dunha viaxe onde cada páxina é unha homenaxe ao noso patrimonio cultural. O lector poderá gozar de anécdotas cotiás con moita chispa ao tempo que descobre lugares máxicos, tradicións ancestrais e personaxes entrañables.  Pablo Carreiro celebra unha oda á identidade galega relatada con agarimo e retranca e ofrece unha experiencia que deixará unha pegada fonda no corazón de quen a lea."

Unha obra que poderiamos considerar estraña (por non dicir outra cousa) pola irregularidade no comezo con citas de cancións en castelán cando fala de cultura galega e fai coma a rapazada que na exposición do Alba de gloria apuntaba autorías para o futuro como Ana Kiro ou Gayoso. Irrespetuoso? non sei pero certamente presenta unha mestizaxe con moito traxe "rexional", criterios de selección pouco obxectivos á hora de ver quen nos representa e un certo barullo que semella ser a marca divertida da casa. O autor ten un estilo propio, sen dúbida, e nese xiro no que se empeña vai recollendo os elementos que considera igual sen pensalo demasiado ou tomando esa decisión de colocar a Castelao ao lado de Ramón Conde. Creo que está no seu carácter: alegre e moi de cultura popular (no sentido do que se populariza).   

Ningún comentario:

Publicar un comentario