Amosando publicacións coa etiqueta BD. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BD. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de agosto de 2025

Unha nova BD

Historias do páramo de Pjota e Senande está publicado por Galaxia. 

Preséntase así: "Cairo é unha candorca vagabunda que vive nun páramo abatido pola violencia de bandidos, bestas e señores da guerra sedentos de poder. Outros moradores fan o que poden para saír adiante neste mundo inhóspito e perigoso. A súa turbulenta vida dará un xiro no momento en que adopta unha peculiar rapaza que atopa tras unha escaramuza. Cairo e os seus compañeiros veranse envoltos nunha aventura inesperada, pois esa rapaza é de sumo interese para as forzas escuras que habitan neste lugar." 

Fronte ás ansias de poder absoluto e fronte a todo o terror está o mundo do tenrura polas pequenas criaturas, os coidados. No fondo, é unha loita de machos e femias, sexan da especie que sexan. Unha historia que promete novas aventuras!  

xoves, 21 de agosto de 2025

XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez

Unha tenda azul cobalto de Antonio Yáñez Casal acadou XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez a texto e Fernando Díaz Mirón á ilustración. Aparece publicado pola Deputación de Ourense que é quen convoca o certame para homenaxear a estas escritoras que foron pioneiras na nosa literatura infantil.

Do texto, o xurado destacou a súa orixinalidade e o rompedor da súa temática; ademais, subliñou, posúe unha linguaxe e un estilo coidados, e favorece a transmisión de valores necesarios como o traballo en equipo e a perseveranza.  Unha historia longa, contada polo sobriño do protagonista, un tendeiro que cando pecha a tenda (apremiado polos supermercados e centros comerciais) atopa unha caixa que lle deixou unha veciña, a señora Coralia, xustamente o día que morreu. Como ninguén pasou a recollela ábrea e atopa un libro co título Instrucións para atender unha tenda que non é unha tenda. Fáiselle saber que non pode perdelo agora que a dona xa non está e aparecerá a buscar axuda un neno que estaba a soñar co avó e espertou sen saber o final do soño. Na busca dese soño van percorrer medio mundo ata dar coa chave que abra a porta a esa realidade. Unha historia surreal que se vai complicando mentres aparecen no paso das Termópilas, na guerra de Troia ou outros lugares e situacións sen nome coñecido.

En canto ás ilustracións, o xurado destaca "a importancia do traballo, unha obra realizada de xeito manual a lapis, que capta moi ben os feitos da narración. As ilustracións teñen moi bos enfoques, con xogos e perspectivas diferentes, e complementan a narración sen interferir nela, o que favorece que o lector poida imaxinar a historia libremente".

Xirarei! de Pablo Carreiro publicado por Cuarto de inverno.

Da presentación editorial: "Xirarei! é un percorrido único por Galicia que mestura humor, tenrura e unha fonda admiración pola cultura galega. A través dun itinerario que abrangue os recunchos máis fermosos e emblemáticos da terra, o autor fainos partícipes dunha viaxe onde cada páxina é unha homenaxe ao noso patrimonio cultural. O lector poderá gozar de anécdotas cotiás con moita chispa ao tempo que descobre lugares máxicos, tradicións ancestrais e personaxes entrañables.  Pablo Carreiro celebra unha oda á identidade galega relatada con agarimo e retranca e ofrece unha experiencia que deixará unha pegada fonda no corazón de quen a lea."

Unha obra que poderiamos considerar estraña (por non dicir outra cousa) pola irregularidade no comezo con citas de cancións en castelán cando fala de cultura galega e fai coma a rapazada que na exposición do Alba de gloria apuntaba autorías para o futuro como Ana Kiro ou Gayoso. Irrespetuoso? non sei pero certamente presenta unha mestizaxe con moito traxe "rexional", criterios de selección pouco obxectivos á hora de ver quen nos representa e un certo barullo que semella ser a marca divertida da casa. O autor ten un estilo propio, sen dúbida, e nese xiro no que se empeña vai recollendo os elementos que considera igual sen pensalo demasiado ou tomando esa decisión de colocar a Castelao ao lado de Ramón Conde. Creo que está no seu carácter: alegre e moi de cultura popular (no sentido do que se populariza).   

mércores, 23 de xullo de 2025

Series en Xerais

Continuamos con series, por un lado estaos ante Heartstopper volume 4. Cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman e traducida por Nee Barros utilizando a linguaxe inclusiva cos finais en "es". Da sinopse: "O Charlie nunca pensou que el tamén lle puidese gustar ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Charlie comeza a sentirse preparado para dicirlle esa palabra: quérote. O Nick sente o mesmo, mais anda con moitas cousas na cabeza: entre elas, saír do armario co seu pai e a posibilidade de que o Charlie teña un trastorno da conduta alimentaria. A medida que o verán dá paso ao outono e un novo curso comeza, o Charlie e o Nick están a piques de aprender moito sobre o significado do amor. Este é o cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman."

Fronte a todas as historias de amores heterosexuais ben contadas esta entre un mozo homosexual e outro bisexual, unha relación moi ben levada a relatada coa problemática da saída do armario, a declaración de amor e outras dificultades que sempre aparecen. As diferentes personalidades de mozos/as e persoas adultas, os prexuízos, as relacións familiares está presentadas cun grao de autenticidade que nos atrae.

A outra serie é Formigas Misión Samaín de Andrés Meixide e Pere Tobaruela publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha estarrecedora aventura da brigada especial das Formigas na noite de Samaín. FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Samaín» as FORMIG4S entran no Alén tras os pasos dun enigmático escaravello branco. Alí atópanse coa Santa Compaña e outros personaxes estraños. Nesta estarrecedora aventura no universo das tebras, o doutor Paumao pon a proba de novo a brigada especial. Cal será o desenlace? As FORMIG4S serán quen de volver ao mundo real?" 

Unha nova aventura da brigada que unha e outra vez deben enfrontarse ao inimigo perpetuo e saír ben paradas. 

mércores, 14 de maio de 2025

BD para lectorado autónomo

Así o presentan en Nos diario "Mitoloxía galega e acción manga combínanse na segunda parte de 'Sentinelas'. Aventuras nun mundo derivado das lendas e mitos da tradición oral galega constitúen a cerna da serie de banda deseñada Sentinelas, que presenta agora a súa segunda parte Sentinelas no limiar das tebras tras o éxito -con poucos precedentes- da primeira, Sentinelas da Lúa Carmesí, ambas publicadas por Galaxia."   

En Galaxia: "Lara Sabela e Xurxo descobren que foi Cinza, o boticario, quen secuestrou o seu amigo Lois. Pero non sospeitan que, se non actúan axiña, Lois formará parte do menú que precisa a moura Xerpa para recuperar o seu poder, minguado durante o letargo secular. E non só Lois: todas as nenas e noenos. E non só Lois: todas as nenas e nenos de Claramonte corren perigo mortal.  A única esperanza é que Lara e os seus amigos regresen ata o carballo de Mondelo para conseguir a axuda dos misteriosos habitantes da vila dos misteriosos habitantes da vila máxica que alí se agocha..."

Unha bd de Alexandre Senande, Ozo Perozo e Andrés Castro.

sábado, 14 de setembro de 2024

Banda deseñada. Premios da Deputación da Coruña

O bico da Serea de Uxía Larrosa e Siqi Luis Yang é a obra ganadora do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na modalidade Xeral.

Preséntase así: "A obra narra a historia da relación entre unha rapaza preadolescente e unha serea no que se van entrelazando a vida cotiá coa súa rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos." O xurado destacou a poética e a gráfica da proposta, cun guión que toca diversas e interesantes temáticas cunha gran carga literaria deleitando os ollos e estimulando a imaxinación.

Pais separados, avoa na casa, serea que se vai facendo presente na auga e os cristais, historias ao redor da temática da auga (a balea varada que dá lugar a un acuapark, a das dúas mulleres que leva o mar en Galicia e Irlanda e aparecen na costa contraria, a da serpe e o polbo, a illa dos plásticos, a razón pola que as buguinas saben cantar coa voz do vento...). Unha das historias acaba facéndose real no personaxe da avoa, outra contaraa a nena protagonista: a das sereas e Ulises

Un mito africano conta que o mundo comezou pola auga e a partir de aí foi evolucionando. Tal vez por iso temos esa querenza polo mar e as correntes de auga.

Cos cadrados iguais (seis por páxina), sen a utilización de cores... cos mínimos recursos e unha boa historia!