Amosando publicacións coa etiqueta cómic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cómic. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de agosto de 2025

Unha nova BD

Historias do páramo de Pjota e Senande está publicado por Galaxia. 

Preséntase así: "Cairo é unha candorca vagabunda que vive nun páramo abatido pola violencia de bandidos, bestas e señores da guerra sedentos de poder. Outros moradores fan o que poden para saír adiante neste mundo inhóspito e perigoso. A súa turbulenta vida dará un xiro no momento en que adopta unha peculiar rapaza que atopa tras unha escaramuza. Cairo e os seus compañeiros veranse envoltos nunha aventura inesperada, pois esa rapaza é de sumo interese para as forzas escuras que habitan neste lugar." 

Fronte ás ansias de poder absoluto e fronte a todo o terror está o mundo do tenrura polas pequenas criaturas, os coidados. No fondo, é unha loita de machos e femias, sexan da especie que sexan. Unha historia que promete novas aventuras!  

luns, 10 de marzo de 2025

Banda deseñada

As aventuras xacobeas de Simón Martel. Camiño de Santiago escrito e debuxado por Fausto e publicado por El Patito editorial.

Da presentación editorial: "Simón Martel - a heroína máis lonxeva da historieta galega- pon as botas e a mochila para vivir unha dobre aventura no Camiño de Santiago: do Cebreiro a Compostela e de alí a Fisterra/Muxía, acompañada polos seus inseparables amigos e novos personaxes que lle irán mostrando que este itinerario vai moito máis alá da peregrinación."

Dous rapaces de instituto viaxan cos tíos dela. Cada un leva consigo na mochila a súa personalidade, el queixase e semella que sempre vai á forza, ela móstrase leda e animosa. O camiño está cheo de xente diferentes, de calquera país e civilización, de diferentes idades, con diversos intereses pero sempre acompañando, sempre botando a man que se precisa. Un cómic clásico e lineal coma o camiño que percorren os seus personaxes. Os debuxos que vai realizando Brais, as fotografías para o instagram, o mapa con todos os camiños en Galicia e a imaxe final con todois os personaxes e algún máis enriquecen o relato.

Astro Rat 6. Novas do espacio. Un tebeo escrito e debuxado por Fermín Solís publicado por El Patito editorial. 

Preséntase así: "Astro Rato e a súa tripulación viaxan ata afastadas galaxias para vivir as aventuras máis sorprendentes: o mesmo loitan cunha planta que se enfrontan a un verme alieníxena... Calquera cousa pode pasar no profundo do espazo descoñecido!"

Este é o sexto título da serie de Astro Rat, despois de Parece que orballa, A chegada de Astro - Polo, Patacator cocido!, O planeta Peperete e Retorno a unha terra descoñecida.  Uns personaxes estrafalarios que tanto poden ser animais como extraterrestres, cousas ou unha pataca andan polas viñetas. Varias historias, a primeira delas é a que ten como protagonista a Patacator, unha baloca que naceu no planeta Pataca e no sistema solar Tubérculo, cando son invadidos por outra raza con malas intencións levan a todas as demais e queda el só no planeta e fuxe nunha nave como polisón, alí descubre un ximnasio de loita libre no que empeza a traballar facendo a limpeza e aprnedendo mentres traballa de tal forma que o día que un dos loitadores sofre unha lesión apúntase a adestrar co outro e mentres el vai subindo na escalafón, Camilo o Temible segue no chan chamando para que lle acudan en cada plana e no medio de todas as historias.

Inverno na selva. Unha aventura de Amorodo e Menta xira ao redor deses dous caramelos ou gomas desas cores que so enganados por Caca.

Estraña flor relata o perigo que corren cando recollen unha flor que non coñecen e que os ataca e a maneira na que deciden defenderse e como o fan tamén do verme xigante. É o que ten andar por planetas distintos ó propio...  E mentres tanto Camilo o Temible pedindo unha ambulancia. Historias sinxelas con estraños personaxes dirixidas ás criaturas.

martes, 15 de outubro de 2024

Unha serie en BD

Nerea. O príncipe da sorte (Xerais, 2021), resultou gañador (xunto co guionista Miguel Rojo) do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. En 2023 publícase a segunda parte: «Nerea. A invasión dos trastos».

Pablo Prado xunto con Miguel Rojo retoman a serie.

Así se presenta cada unha das entregas: 

"Unha poza sen fondo, un príncipe que pide ser rescatado, uns monstros que non se sabe o que din... Ou pode que si? E todo por non facer caso dos consellos dos seus pais. Acompaña a Nerea nesta aventura chea de lambonadas, mocos e pingüíns, moitos pingüíns." 

"Tes mensaxes de no móbil pendentes de ler? Algún capítulo da túa serie favorita sen ver? Pasaches esa fase tan difícil do videoxogo de Súper Cario?... Que tal se miras o que está a acontecer ao teu redor? A invasión dos trastos comezou! Nerea regresa cunha nova aventura chea de humor sobre os excesos no uso das novas tecnoloxías."

O avó de Nerea está na residencia, obsérvao todo e descobre o que ninguén é quen de ver, por iso colle a neta da man e alá van os dous: destruír os trastes por medio dos que nos queren invadir. Ao final todo remata ben, puidemos co mal e os autores adxuntan un apéndice en branco e negro no que ante a queixa de Nerea que se aburre sen redes sociais e pantallas, o avó móstralle todos os xogos posibles, e Nerea     que é unha nena avispada queda feliz, de novo. Porque iso é o que ten Nerea, que tan pronto poden enganala como espertala da mentira para que colabore na loita polo común, niso anda...

A obra de Pablo Prado vai dende O derradeiro libro de Emma Olsen ou A batalla de Rande


sábado, 14 de setembro de 2024

Banda deseñada. Premios da Deputación da Coruña

O bico da Serea de Uxía Larrosa e Siqi Luis Yang é a obra ganadora do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na modalidade Xeral.

Preséntase así: "A obra narra a historia da relación entre unha rapaza preadolescente e unha serea no que se van entrelazando a vida cotiá coa súa rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos." O xurado destacou a poética e a gráfica da proposta, cun guión que toca diversas e interesantes temáticas cunha gran carga literaria deleitando os ollos e estimulando a imaxinación.

Pais separados, avoa na casa, serea que se vai facendo presente na auga e os cristais, historias ao redor da temática da auga (a balea varada que dá lugar a un acuapark, a das dúas mulleres que leva o mar en Galicia e Irlanda e aparecen na costa contraria, a da serpe e o polbo, a illa dos plásticos, a razón pola que as buguinas saben cantar coa voz do vento...). Unha das historias acaba facéndose real no personaxe da avoa, outra contaraa a nena protagonista: a das sereas e Ulises

Un mito africano conta que o mundo comezou pola auga e a partir de aí foi evolucionando. Tal vez por iso temos esa querenza polo mar e as correntes de auga.

Cos cadrados iguais (seis por páxina), sen a utilización de cores... cos mínimos recursos e unha boa historia!

venres, 28 de xuño de 2024

Para crianzas

 

Estou ocupado de R. L. Peralta, ilustrado por Blanca Millán e publicado por Cumio. A nai vai traballar, o pai queda na casa coidando dos peques ata que nun momento determinado necesita un descanso e vai ao baño buscando algo de paz. Daquela, todo é unha tolería e ao saír vai ter que amañalo todo. Cando volve a nai atópaos vencidos, cando pregunta as crianzas cóntanlle a historia á súa maneira: foron ao circo, portáronse ben, recolleron todo... semella que quen on o fillo todo como é debido é unicamente o pai.  Un cómic para primeiras idades sobre o balbordo, o letreiro "Estou ocupado", as diferentes formas de explicar a realidade, a necesidade de paz e tranquilidade...

As estacións de Margarita del Amo e Cecilia Moreno publicado por Júcar. Da presentaicón editorial: "Un libro de rimas para descubrir as estacións dirixido aos máis pequenos para que podan descubrir as cores, a natureza e as actividadesde cada estación do ano." 

O vermello non está enfadado. O azul non está triste de Luís Amavisca e Alicia Acosta, ilustrado por Anuska Allepuz e publicado por Nubeocho. esta editora recolle os seus libros en español, catalán, inglés e catalán pero non en galego, cando queremos buscar a imaxe ou información temos que facelo na páxina dunha libraría. Os animais atópanse no bosque e aínda que ao principio os tres concordan en que cada cor mostra un estado de ánimo (vermello, enfadado; azul triste; verde, calma), o raposo non vai estar de acordo porque el vístese como quere sen mirar como está o seu humor nese momento, de feito cando atopan un paxaro multicolor danse conta de que in siquera a expresión da cara mostra ás veces como se senten. Ilustración con ceras.