Os tomates de Mila de Sanne Dufft está traducido por María Herrero e publicado por Ing edicións co selo de Lectura fácil.
Da presentación editorial: "Unha historia inspiradora para que os máis cativos descubran o amor pola natureza e valores como saber esperar, o esforzo ou a cooperación. O avó faille a Mila un agasallo moi especial: unhas tomateiras. Ela aprenderá a plantalas e coidalas. Día tras día, Mila irá descubrindo, feliz, como as súas plantas van cambiando e crecendo. Grazas ao seu esforzo, dedicación e amor, as tomateiras daranlle moito máis que os seus froitos: tamén lle ensinarán leccións que a acompañarán para sempre."
Un bo libro. Magníficas imaxes, sinxelas e fermosas (en cores suaves) vannos introducindo no tempo lento da colleita, porque para cultivar é necesario coidar pero tamén darlle tempo ao tempo, agardar as estacións e estar atenta a todo o que sucede ao redor: a chuvia, o sol...
O avó agasállaa co mellor, coa posibilidade de ver medrar a vida, de ver como unha planta se desenvolve ata producir flores e froitos; observar como medra pero tamén aguala ao longo do verán para que non seque. Se te queres ir de vacacións terás que buscar colegas que che axuden e atoparalos. Logo, cando cheguen os froitos deberás repartir entre todos eles. Disfrutarás de comer tomates de todas as maneiras posibles e cando rematen sabes que o próximo ano poderás repetir a experiencia. O tempo cíclico das estacións. O tempo lecto das colleitas. Ver como hai que esforzarse para que as plantas non murchen... Ao final do libro, nagarda hai unhas instrucións para facer caixas fermosas nas que gardar e repartir os tomates, caixas como as que utiliza a nosa protagonista.
A porqueira de Margarita del Mazo e Guridi está traducido por Iria carballo e publicado na colección Somos8 da editorial NubeOcho. Unha vez máis en todosos idiomas (español, catalán, inglés e italiano) menos en galego a información editorial.
Da presentación editorial: "Os porcos son animais felices, viven moi tranquilos. Pero fanse preguntas como todo o mundo, e unha delas e por que as nenas e os nenos só contan ovellas para durmir e non porcos. Fálano coas ovellas quen, moi fachendosas, afirman que é un traballo duro que eles non saben facer. A porqueira decide poñer en marcha diferentes plans para demostrar que contando porcos se durme tan ben ou mesmo mellor que contando ovellas". Son os porcos os que contan esta historia de animais con ganas de ser ou facer outra cousa que non sexa a que está marcada para eles; os porcos queren facer de ovellas, ou mellor, conseguir que o neno Xoán conte porcos en vez de ovellas, pero descobren que ese non é un choio tan bo como pensaban... Algunha ensinanza? Será cousa de pensalo. Unhas boas ilustacións e unha histria ben contada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario