sábado, 7 de novembro de 2026

Superheroes na escola. Imos a primaria!

Superheroes na escola. Imos a primaria! de José Carlos Román e Leire Martín está traducido `por Iolanda Mato e publicado por Triqueta Verde. Un álbum ilustrado con letras maiúsculas que nos fala dese gran paso entre Infantil e Primaria e de como ese temor polo cambio se pode converter nunha aventura. 

Supergoleadora está preocupada porque lle dixeron na casa que para o próximo curso vai estar nunha escola nova, os compañeiros tampouco saben a razón desa mudanza pero Superprofe explícalles que ese novo lugar se vai chamar Primaria e toido o que van facer alí; fálalles das "materias", de como van ler e escribir, falar, facer operacións matemáticas (poara resolver os problemas da vida diaria xa que as matemáticas están en todas partes), de como aprenderán o que fixeron os antepasados e todo o que hai no planeta, de aprender a falar outros idiomas para comunicarse con outras culturas, de como van adestrar a mente e o corpo; van bailar, cantar, debuxar... Terán un patio novo máis grande e novo amigos, libros novos, mochilas máis grandes; ademais vanse ver nos días especiais que celebrarán todos xuntos e el acompañaraos o primeiro día á nova aula. En vez de medo, o que agora teñen é emoción e ganas de entrar xa nesa aventura que lles agarda. 

Rapaces e rapazas son superheroes, certamente, pero o profe tamén o é. É marabilloso ver o ben que lles sabe verder ese paso a primaria, todo o que van ganar cando medren e, sobre todo, ese acompañamento que se compromete a facer o primeiro día pero tamén ao longo do curso cada vez que se reúnan para festexar xuntos. Os papel de xénero ben traballados, a supergoleadora é unha nena e o superprofe de Infantil un home, para rachar estereotipos! Ademais, ten en conta a diversidade na pel da rapazada pero tamén nesa cadeira de rodas na que se conduce unha compañeira.

Nunha das ilustracións vese a celebración do Día do Libro e na estantería están este e outros libros da editorial. Unha chiscadela que sempre se agradece porque obriga á rapazada a fixarse. Tan alegres as imaxes que dan ganas de irse a ese mundo de superheroes e camiñar con eles. 

xoves, 5 de novembro de 2026

Un libro imprescindible. Unha banda deseñada que magoa. Guerra en Gaza

Un libro imprescindible. Unha banda deseñada que magoa. Guerra en Gaza de Joe Sacco, aparece traducida por Clara Barcia e publicada por Rinoceronte.

Da presentación editorial:"Joe Sacco é coñecido como un inquebrantable cronista da inxustiza inflixida sobre o pobo palestino (Palestina, 1993; Notas a pé de Gaza, 2010). Continúa a súa misión con Guerra en Gaza, un conxunto de comentarios gráficos sobre o masacre israelí que comezou hai máis dun ano e continúa sen descanso ata hoxe. Publicado por entregas na páxina web do Comics Journal, Guerra en Gaza consiste nunha serie de cómics e ilustracións que mostran a núa inmoralidade da propia “guerra” e as súas directas e tráxicas consecuencias. Empregando os seus habituais sinais de identidade, a honestidade, a compaixón e o humor negro, Guerra en Gaza achega unha crítica inflexible ao xenocidio israelí e á complicidade do presidente Joe Biden e dos Estados Unidos." 

O autor comeza falándonos en primeira persoa, dexbuxándose a si mesmo, reflexionando ante a situación, comentándonos incluso algunha das súas propostas e o mal resultado que deron (que facer ante o que sucede en Palestina?), o papel de Bin Laden (o presidente que semellaba o mal menor diante de Trump pero que dotou de todo tipo de armas a Netanyaju cos cartos dos contribuíntes norteamericanos (tamén cos impostos de Sacco que se representan completando unha bomba a enviar), as mentiras que crea e como estas foron amplificadas e repetidas, de pano de fondo a nai de Sacco con problemas de memoria pero angustiada polas lembranzas da guerra, esas viñetas nas que Laden e Netanyaju xogan ao diálogo entre deus e interlocutor sobre se é posible salvar aos xustos ou eses deben ser tomados como escudos humanos ou potenciais terroristas. Occidente e a seu orgullo democrático remata en Gaza. A partir de aí, que imos explicar e a quen? Unha mirada atgrás lévao a Atenas, aquela democracia que era escravista, excluiu ás mulleres ou destrúe a Cidade - Estado de Milo.Remata cunha petición a Dante para que conxure o inferno.  

Unha obra dura pero necesaria, porque máis dura é a realidade á que nos enfrontamos cada día nos medios de comunicación.  

mércores, 4 de novembro de 2026

Algo máis sobre o magosto




 

O magosto está moi dentro da nosa cultura, recollemos alguúns testemuños na poesía culta e na popular, cantigas e ditos, xogos e músicas de variado ritmo, informacións na rede... con agradecementos á AC Alexandre Bóveda, biblioteca do CEIP de Portofaro, Noelia Antelo e Paco Veiga. 

O poema de Francisco Añón: O magosto.

"E d’esta sorte pasamos

A noite con grande gosto,

De parolar nos cansamos,

E defuntado o magosto

C’as meniñas rebuldamos."

O poeta berciano, Antonio Fernández Morales tamén lle dedicou uns versos:

"En bon amor e compaña

co mosto e castañas, presto

se papan toda a merenda

i alegres tornan pra o pueblo.

A xente de máis posibles

ou Señoritos, o mesmo

van ós campos de jolgorio

dos magostos co pretesto.

Cargaos levan os fámulos

ca merenda nunhos cestos

composta de an

guilas, truitas,

polos, pampalliños tiernos,

e sobre todo empanadas

con salmón ou lomo dentro."

O poema de Manuel María "O ourizo"  en Os soños na gaiola:

"Co seu ouro vello, mol,

o ourizo ouriceiro

toma o sol

no bico dun castiñeiro.

Tal un señor moi mandón:

no bico dun castiñeiro

o ourizón

toma o sol moi riseiro.

O ourizo está moi ledo

coa súa casa ben pechada

-ouh, que medo!-

de espiñas toda cercada.

Quer botar unha risada

e os seus dentes arregaña

case un nada:

e xa fuxiu a castaña...!"

O poema de Florencio Delgado Gurriarán: 

“Inda que rendas non cobre,

no outono de ouro vai cheo

o seu verdecente pazo

o ourizo, bon cabaleiro,

e cando olla tal tesouro

o ourizo, que xa vai vello,

sorrí, e ao sorrir amostra

a nobreza do seu peito”

Un anaco do poema de Curros Enríquez

"Aí ven o maio

De frores cuberto…

Puxéronse á porta

Cantándome os nenos;

Y–os puchos furados

Pra min estendendo,

Pedíronme crocas

D’os meus castiñeiros."

No comezo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

«Has de cantar,

que che hei de dar zonchos;

has de cantar,

que che hei de dar moitos».

Algunha cantiga:

Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto,
non chas quero, non chas quero,
que che cheiran ó chamosco.

--- 

Acabáronse as castañas, 
secáronse os castiñeiros,
acabáronse as rapazas;
 quedan os mozos solteiros
"Acabáronse as vendimas
 ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas
 catro castañas asadas"
---
As castañas son castañas, 
os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara,
 para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, 
canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera 
polo que está na man doutro"
 
 Ditos

“As castañas queren en agosto arder e en setembro beber ”.

“Agosto seco, castaña en cesto”.

“Polo magosto, castañas e mosto”.

“Auga de agosto, nen bo viño nen bo magosto”.

“Castañas no Nadal saben ben e parten mal”.

“A castaña no ourizo

eu ben sei como ela fai,

dende que pinta madurece

e dende que madurece cae”.

“Castañiñas a roer,

piolliños a nacer ”.

“No outono veñen as castañas

que nós comemos con moitas ganas”.

“Con castañas e viño novo

xa non morre o pobo”.

“Castaña que cae no camino

deixa ao amo vense comigo”.

“Castañas, noces e viño

son a ledicia de San Martiño”.

“En decembro vense as canas

e ábrense as castañas”.

"Polo San Martiño, castañas e viño”

“Castañas, noces e viño, fan a ledicia do san Martiño”

 “Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo” 

Música:

Canción de Magosto 13 Lúas – Mercedes Rivera

O Rap do Magosto

Chegou Magosto – Jesús Pareja

Sol de outono – Luar na Lubre

O outono xa se acerca – Casa do Neno

 Xogos:

O gran magosto: o xogo de cartas do apalpador de Fernando Cimadevila, publicado por Urco. 

Na rede, recollidos por Paco Veiga: dende o CEIP Campo Lameiro, dende o CEIP de Foz e do CEIP San Luís Romero coa nota: magosto e xogos tradicionais (sexan cales sexan) van sempre de par, só hai que lembrar “Polo San Martiño, peóns ao camiño”. O peón ten que ser o rei.

A castaña na cultura popular galega

https://gl.wikipedia.org/wiki/A_casta%C3%B1a_na_cultura_popular_galega

Magosto na galipedia

Galicia encantada  buscar magosto https://galiciaencantada.com/buscador.asp

APOI (Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade). Buscar magosto

Orella pendella (Ditos, recitados e cancións infantís). Buscar magosto.

O castiñeiro na rede.ttp://www.galicias.com/camba/traballos/t/castineiro.htm

Faltaban as adiviñas, non?

 Teño unha coroa e non son rei

 vivo nun ourizo e ben dura son.

 No magosto todos me queren comer. Que son? (A castaña)

 Boto fume cara ao ceo,

 dou calor sen ser o sol,

e no magosto son o centro.

 Que son?  (A fogueira)

 No outono dou un froito,

 redondiño e saboroso,

 e no magosto son famoso.

 Que son?  (O castiñeiro).

Teño moitos pinchos,

pero non son ourizo de mar;

gardo dentro un tesouro 

 que che gustará probar.

Que son? (O ourizo da castaña)

Caio das árbores no outono,

 son marrón e moi redonda;

 se me asan na fogueira, 

que rica estou!

 Que son? (A castaña)

 Sobre as brasas me colocan,

 e para non estoupar,

 fanme unha pequena ferida

 antes de me asar.

 Que son? (A castaña)  

Outo me vexo no mmeu lugarexo. 

Por unha risada, perdín miña anada.

---- 
"Outo, outo cabaleiro
dalle a risa e caelle o diñeiro"

"Alto foi meu nascimento de doncela recollida;
cando ia para me rir, tal foi a queda que dei
que a casa non máis voltei"

"Altetes, altetes con seus carrapetes;
con o riso que lle deu, todo se perdeu"

Ten pelexo coma a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tés.

 Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedeime sen nada.

Alto está,
barbas ten,
ri e solta o que ten .
 
No aire se cría,
no aire se ten;
bota unha risada
e perde o que ten.
 
EXPRESIÓNS COTIÁS 

 Auga de castañas: dise do café frouxo.

Quedar en auga de castañas: algo que non tivo importancia.

Estalarlle a castaña na man: cando un cae na propia trampa.

Non estar para asar castañas: non ter ganas de festa.

Sacarlle as castañas do lume: librar a un dun problema.

Darlle unha castaña: zurrarlle na cara.

¡Toma castaña!:
 levar un chasco.

¡
Pegarse un castañazo!: Pegarse un golpe forte.    Estoupou como unha castaña: unha explosión seca.

¡Manda castaña!
: Algo que non ten xustificación, que sorprende a un.