sábado, 20 de setembro de 2025

Vai de enigmas

O enigma de Sempreviva de Andrea Maceiras está ilustrado por Sara Porras e publicado na colección Sopa de Libros de Xerais.

Da presentación editorial:"Senda múdase cos pais á pequena aldea de Sempreviva. O matrimonio de biólogos vai estudar a zona porque está tan contaminada que non medra nada en toda a contorna. A nena queda moito tempo soa na vella escola onde viven, coa única compaña de Sentinela, a súa asistente virtual. Un día decátase de que no patio agromou un pequeno brote verde. Decide facerse cargo del e así atopará unha caixa con obxectos que pertenceron a un neno chamado Olmo. Se cadra neles se atope a resposta ao enigma de Sempreviva."

En primeira persoa vainos contando Senda a historia. Son moitas horas de soidade acompañada unicamente pola asistente persoal virtual e unicamente cun par de visitas ás dúas casas veciñas nas que queda alguén habitándoas. A terra está vermella, todo contaminado, nin gota de auga se pode utilizar nin a terra se pode cultivar. A caixa dos tesouros levaraa a Olmo (o neno que homenaxea ao personaxe da gran película de Bertolucci, Novecento. Porque houbo un tempo no que as persoas recibían o nome das flores e logo pasouse a poñerlle o das árbores

As conversas soa asistenta virtual son ben interesantes e acaídas, moitas veces rimadas e cunha intelixencia artificial incipiente. A distribución dos roles tende a unha visión moi actual. A ecoloxía está moi presente pois todo este desastre parte do aproveitamento das minas (como se puidésemos ver Touro e outros lugares da nosa terra nos que se vai recomezar a explotación, esquecendo todo o que sabemos). O pasado representado pola avoa que foi mestra, unha boa mestra nesta aldea.  Como se pode chamar Sempreviva unha aldea na que apenas hai seres vivos? Ademais, en Sempreviva os pais non querían que se relacionase con humanos... De milagre, atopa un pequeno brote no xardín, unha plantiña de xirasol, e tamén unha caixa de galletas co tesouro dun rapaz, que xa non o é. O vello e Sentin ela cóntanse chistes, pero o vello tamén lle vai contar tres historias á nena: cada unha delas baseada nun dos obxectos da caixa e unha das persoas que o marcaron: o avó e os prismáticos para concluír que hai xente que está lonxe de ti e preto ao tempo, a historia da súa avoa que foi a mestra e amiga de Olmo e lle ensinou que hai xente que pasa pola nosa vida sen poder ficar ao noso lado pero compartindo a esperanza e para rematar contoulle a historia da súa muller xirasol que o enchía de luz e do seu fillo que é como a semente porque leva consigo a paixón. Olmo é o único amigo que Senda ten en Sempreviva igual que para el o fora a súa avoa. No seu último conto explícalle como a razón dos nomes da aldea e dos habitantes respondía á esperanza. O avó tivera á raposa igual que o Principiño, Persoas anteollos, xirasol, semente e semprevivas. 

A homenaxe ao Principiño e a Charlie e a fábrica de chocolate, esa alegoría que vai definindo ás persoas polo que significan para os demais, a necesidade de coidar da terra e das persoas, esa aprendizaxe da soidade e dos tesouros que gardamos dun tempo para outro e dunhas persoas para outras... fan desta unha novela especial que vén co premio Vila d´Ibi.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario