luns, 1 de setembro de 2025

Unha novela de misterio


Dormen baixo terra de Alba de Evan aparece publicado na colección A miña primeira novela de Monstros, na editorial Boadicea.

Así se presetna: "Erea acábase de mudar a Leiro, unha vila no medio das montañas onde nada é o que parece. Na mina aberta no alto do monte non deixan de se suceder ataques sanguentos sen que as autoridades consigan atopar un culpábel. O perigo, soterrado na fraga, emerxe coa néboa e axexa os habitantes do lugar. Cando Erea descobre que os seus dous mellores amigos, Héitor e Anaír, están relacionados co responsábel das agresións, non dubidará en arriscar a súa vida para descubrir que segredos do pasado agocha a mina e tratar de protexer a xente, dun xeito ou doutro."  

Familias ligadas a estraños seres que coidan das terras, minas ás que se lle da permiso a pesar de saber que aí hai patrimonio que gardar, persoas comprometidas con esa defensa que non conseguen paralizar (a mina, pero podía ser a pasteadora ou os eólicos). Cando nada está nas nosas mans xa só queda cederlle o coidado da terra ao misterio. Neste caso un monstro. Un gran risco aparecerá porque cando algo proba o sangue non sabemos as súas consecuencias. Tamén se dicía que cando alguén está nunha guerra e aprende a matar xa non o olvida, xa non lle resulta difícil, xa o converte en costume... Pois ben, unha novela de medo e misterio. Tres adolescentes: dous autóctonos e unha que acaba de chegar, cada un coas súas características e aficións pero dispostos a axudarse e defender a súa amizade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario