Rosalía oculta acadou o premio Castelao de Banda Deseñada en 2023. Aparece agora publicada pola editorial Galaxia.
Así se presenta:
"Unha obra que afonda na verdadeira identidade de Rosalía de Castro,
máis aló do mito, ofrecéndonos unha visión íntima e reveladora dunha das
figuras máis importantes da nosa literatura.
A través dunha coidada investigación e unha narración visual envolvente, Rosalía oculta reconstrúe a vida da autora a partir das súas experiencias e da súa obra.
Amosa unha muller que loitou contra as inxustizas do seu tempo. Rosalía de Castro foi unha pioneira. No século XIX, cando as mulleres estaban confinadas ao fogar, ela ergueuse como unha voz poderosa que denunciou as inxustizas do seu tempo. A súa obra fala da terra, da opresión e da marxinación, de cuestións tan actuais como o feminismo, as diferenzas de clase, a emigración ou a androxinia. Pero quen era realmente Rosalía?
Esta novela gráfica non pretende dar unha resposta definitiva, senón construír, a través da banda deseñada, un relato fragmentado e cheo de matices sobre a súa identidade, os seus conflitos e as súas loitas. Porque a súa figura, coma a súa poesía, é un quebracabezas que nunca deixamos de reconstruír.
Paula Mayor, artista e ilustradora coruñesa, emprendeu unha intensa viaxe documental para achegarse á verdadeira Rosalía. Tras dous anos de investigación, presentouse ao Premio Castelao de Banda Deseñada cun proxecto que reinterpreta a vida da escritora desde unha perspectiva nova e valente. O resultado é este libro: unha obra que desafía as imaxes preconcibidas e nos convida a redescubrir a unha Rosalía máis humana, máis real e, sobre todo, máis viva ca nunca.
Con Rosalía oculta, Editorial Galaxia reforza o seu compromiso coa banda deseñada galega e coa reivindicación das nosas voces máis icónicas. Non perdas a oportunidade de descubrir esta novela gráfica única.
Rosalía segue a falarnos. Só hai que saber escoitala."
A nivel visual xoga cunha iconografía simbólica e romántica de flores, máscaras e orlas, moitas veces con fondo negro ou escuro que lle achegan dramatismo e beleza. Debuxos en branco e negro e apenas cor para relatar a biografía nos momentos menos luminosos a nivel persoal e social. Xogos plásticos como esa herba case puntillista para a natureza nos días de festa cos Pondal ou no banquete de Conxo traxes patrimoniais para a festa e o baile, a brillantez do teatro, a alternancia de cores e a súa ausencia para separar as emocións de cada tempo, os fondos realistas das cidades a modo de decorado, o expresionismo das bocas enormes cando son murmuradoras asemellándose amáscaras de morte ou os enormes ollos de Rosalía que lembran o manga, variedade e cantidade de metáforas visuais e sempre a palabra de Rosalía nos dous idiomas certificando o relato. Moitas das planas servirían para magníficos cartaces. Doce capítulos nos que dividir unha vida curta e frutífera, un contido extra con "A xustiza pola man" e un esquema xeral feito de debuxos en branco e negro a modo de guión xeral.
Un libro no que non se escatimaron esforzos, documentación e creatividade ao redor da poeta nacional, unha obra digna da escritora que busca envolvela nas luces e sombras do seu tempo e a propia biografía. A ela haberá que vover en moitas ocasións e dará moito que pensar e preguntar ao lectorado novo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario