Da presentación editorial:
"Vrao é o novo poemario, publicado na colección Árbore, de Lois Alcayde Dans, un canto de amor a un dos momentos máis fermosos do ano e todo o que implica.
A través destes versos, navegamos os mares infindos, paseamos polas tardes de sol, coñecemos as amizades pasaxeiras e perdémonos polos montes poboados por animais de cores.
A infancia non revelada no camiño, as festas, a crema de praia e as brazadas na auga… unha época para conservar nos episodios máis brillantes de nenas e nenos de todas as idades. Adobiado coas ilustracións de Lucía Escrigas Rodríguez, este título é un fardo de luz, que homenaxea tamén á figura da nai. Lectura recomendada a partir de 12 anos.
Lois Alcayde Dans é un escritor, xornalista e investigador académico nado na Coruña en 1997. En Editorial Galaxia publicou o libro de relatos Os jeans de María (2019) e participou na obra colectiva O libro da música (2021). Tamén colaborou en varias antoloxías poéticas e gañou o Premio Balbino de relatos (2017), o XX Díaz Jácome de Poesía (2018), o Certame Exeria do Ateneo de Vigo (2023) e o segundo Premio Mazarelos de Poesía da USC (2018).
Lucía Escrigas naceu en Oleiros e recorda os días calorosos de nena preto do mar pero, como ten a pel moi branca e se queima con facilidade, intenta atopar sempre un equilibrio entre a costa e o interior. Esta segunda paisaxe forma parte do seu traballo como arquitecta en comunidades rurais. Interésalle o territorio e como as persoas se relacionan co medio en que viven.
Gústalle debuxar dende pequeniña e, ao longo destes anos, espallou as súas ilustracións por paredes, fanzines, contas de Instagram, revistas e, agora, neste libro.
Os trazos e cores elíxeos sempre pensando en quen mira."
... Nada máis que dicir! Agora toca que as persoas mediadoras opinen acerca deste libro de versos, que o lectorado de + de 12 anos ao que vai dirixido decida... E nós agardamos que Galaxia continúe achegando a información en cada libro.
O poeta da Terra. Pequena biografía de Enrique Labarta Pose, elaborado (e seguramente contada por) Polo correo do vento, ilustrada por Tania Solla e publicada por Lela edicións.
SINOPSE:
Enrique Labarta Pose
(Baio, 1863 - Barcelona, 1925)
Foi escritor, xornalista e fotógrafo. Destacou polo seu enseño e versatilidade, tanto na súa vida coma na súa obra, o que lle valeu ser laureado e respectado en todos os lugares onde lle tocou vivir.
Biografía Ilustrada."
Un traballo biográfico con abundantes citas da poesía de Labarta Pose e algún artigo. Bibliografía e webgrafía sobre o autor enriquecen a publicación que se entende como achega á reivindicación das Letras Galegas dende o concello de Zas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario