martes, 23 de setembro de 2025

Confesións á psicóloga


Gaiolas de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Catro testemuños de catro mulleres de distintas idades, de distinta condición social e profesional. Catro voces que falan de vidas que unha vez se viron engaioladas. Catro voces que falan tamén da importancia de recoñecer o encerro das gaiolas para abrirlles as portas." Catro mulleres contan a súa relación coa parella a unha psicóloga que recoñecemos detrás da placa: Leticia Bermúdez. Psicóloga. O nome de cada unha delas identifica cada capítulo: Chámome María, Chámome Eva, Chámome Rosalía e Chámome Helena. A especialista non intervén en ningún momento, só escoita e toma nota (vémolo pola ilustración). Todas elas padecen maltrato e en todas recoñecemos determinadas condicións que se repiten: normalmente van cambiando despois do namoramento inicial, poden ser dificultades económicas ou non (home en paro ou empresario de éxito), celos doutros homes ou profesionais, mantela na casa sen traballar, sempre aillamento de amizades e familia, sempre arrepentimento e perdón despois das primeiras violencias, o sentimento de pena por parte dalgunhas mulleres para dar paso posteriormente ao medo, ás conservadoras o cura que as confesa pídelle paciencia (unha proba de Deus), algunha case cre que é normal o maltrato porque tamén o viron na casa, a maneira de disimular os golpes con desculpas de todo tipo, non admitir que lle leven a contraria, adolescentes que se senten atraídas polos "malotes", secuestro, violacións... Unha delas di "Os monstros así habitan dentro de moitos homes. (Se cadra. eles son tan vítimas coma nós. Só que as trompadas levámolas nós, as mulleres, e non eles." O libro ten unha sorpresa final que nos vai gustar, sen dúbida!

Mulleres retratadas por homes, no texto e nas imaxes, tanto un coma o outro realizan un traballo de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario