Amosando publicacións coa etiqueta a partir de tres anos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta a partir de tres anos. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de outubro de 2026

Sempre atendendo ao necesario: Kalandraka

Acaba de aparecer Xogo de letras de Antonio Rubio con ilustracións de Óscar Villán e tradución de Xosé Ballesteros. Preséntase como "Un achegamento lúdico, poético e creativo ao abecedario para estimular a imaxinación e a agudeza visual."

Un libro de páxinas duras, para mover con dedos gordechos; as letras, unha a unha, un vermiño que as percorre e cando erguemos a lapela do A aparece o debuxo dunha tenda de campaña cun indio dentro e a continuación no reverso da lapela "Coa letra A / a tenda dos indios / aberta está" E así letra a letra: "Coa letra B / a bolboreta voa / non sei por que", "Coa letra C / a lúa no ceo / pódese ver", "Coa letra D o anaco de sandía / que doce é", "Coa letra E / a lenta tartaruga / sae a correr"... Imos lendo e imos vendo onde está a letra na ilustración, definíndoa, non no comezo da palabra senón formando parte do debuxo nunha coordinación absoluta entre autor e ilustrador, co ritmo acaído.

Necesario este material para ir familiarizando as criaturas coas letras e as palabras, para ir iniciando a lectura de imaxe e texto, para ir avanzando na concentración, poñendo atención, mirando con calma, paseniño, para ir descubrindo todo o que se agacha detrás do que vemos e nos len, para recitar e cantar co adulto que nos le, para acostumarnos a ler por conta allea (como dicía Juana), para entrar na alfabetización do noso mundo. 

Máis de 25.000 exemplares vendidos, di a publicidade, igual que "O libro ideal para contar e cantar. Dos autroes da colección Do berce á lúa.  Eses libros acartonados para recitar e cantar. Axudan a «educar o ollo e endulzar el oído» das prelectoras e os prelectores con textos baseados no ritmo e a rima, e ilustracións recoñecibles a modo de pictogramas poéticos".

Outro material, relacionado co anterior, é  ABCD MEMO dos mesmos autores que se presenta a partir Xogo de letras e o complementa. Para preparar o xogo explica que hai que mesturar as cartas, barallalas e, a continuación, tentar emparellalas cando lle aparecen os pares (letra / ilustración, neste caso sen texto).

Dá tanto gusto ver que este ABCD Memo se presenta válido para facendo rular en galego, castelán, catalán, vasco, italiano e portugués... Tanto gusto!, saber que dende aquí alimentamos a imaxinación de rapazada de tantos países irmáns do noso, e que cando xoguen han saber que tamén o fan nesta esquina do mundo que leva o nome de Galicia e é de onde sae a luz que ilumina estes marabillosos materiais. Un xogo de memoria que axuda a descubrir o alfabeto, inspirado no libro Xogo de letras. 

mércores, 9 de setembro de 2026

O lago e os medos de Flop

Flop e o lago de Marianne Dubuc é un álbum ilustrado, traducido por Tamara Andrés e publicado por Kalandraka. Preséntase como "a historia dun pequeno coello e dun lago, en cuxas profundidades se agochan moitos segredos, pero tamén unha gran valentía."

Forma parte da colección Demademora a partir de tres anos.  

Hai unha emoción maiúscula, un na que ten sentido pararse e é o medo. Ese que nos salva de riscos pero tamén nos limita non permitindo que cheguemojs a onde poderiamos. Si, no medo ten sentido que afondemos, tal como o fai Flop (o protagonista desta historia). Vai cos irmáns ó lago pero mentres eles se bañan e xogan na auga Flop le e só se atrefve a andar sobre as pedras que sobresaen da auga, non quere nadar, sabe que o lago agacha segredos pero pode caer e non sabe nadar. Nunha ocasión entra no lago (non diremos como) e descobre que pode respirar debaixo da superficie, daquela investiga, descobre unha sombra enorme e tamén que en vez de temela pode ser amable con ela e facerse amigo, descubrir a beleza do mundo subacuático e aplicar a mesma estratexia con todos os seres que poden asustalo... pero isto cóntao dunha maneira ben fermosa con palabras e imaxes.

Será que soñou ou foi real, será que podemos superar todos os medos?    

Teredes que lelo e atopar ese outro ser pequeniño que o acompaña nesa viaxe pola auga e o que significa a sombra da que se fai amigo. Porque nos libros para pequenos tamén hai varias lecturas e todas están ao noso dispor. 

luns, 8 de xuño de 2026

Un álbum ilustrado sobre o medo


Quen dixo medo? de Ana Sánchez Garea é un álbum ilustrado publicado por Pepa a Loba editora. 

Así se presenta: "Unha obra que pon de manifesto a fermosísima relación paterno-filial das personaxes, coa escuridade como fío condutor da historia." 

Pois si, vai de medo á escuridade e da demostración de que esta pode ser fonte de moitas alegrías porque... como se ven as estrelas se non é na escuridade? e os fogos de luces, acaso se poden ver polo día?... e tantas outras cousas ás que accedemos grazas a ela. Pero o mellor de todo é que cando teñas medo estea perto alguén que con cariño che axude a ver que a escuridade é necesaria e que o medo nos serve para estar alerta cando pode haber perigo pero non nos pode paralizar; escoitámolo e valorámolo pero superámolo!

venres, 5 de setembro de 2025

E... máis


Os tomates de Mila de Sanne Dufft está traducido por María Herrero e publicado por Ing edicións co selo de Lectura fácil.

Da presentación editorial: "Unha historia inspiradora para que os máis cativos descubran o amor pola natureza e valores como saber esperar, o esforzo ou a cooperación. O avó faille a Mila un agasallo moi especial: unhas tomateiras. Ela aprenderá a plantalas e coidalas. Día tras día, Mila irá descubrindo, feliz, como as súas plantas van cambiando e crecendo. Grazas ao seu esforzo, dedicación e amor, as tomateiras daranlle moito máis que os seus froitos: tamén lle ensinarán leccións que a acompañarán para sempre."

Un bo libro. Magníficas imaxes, sinxelas e fermosas (en cores suaves) vannos introducindo no tempo lento da colleita, porque para cultivar é necesario coidar pero tamén darlle tempo ao tempo, agardar as estacións e estar atenta a todo o que sucede ao redor: a chuvia, o sol...

O avó agasállaa co mellor, coa posibilidade de ver medrar a vida, de ver como unha planta se desenvolve ata producir flores e froitos; observar como medra pero tamén aguala ao longo do verán para que non seque. Se te queres ir de vacacións terás que buscar colegas que che axuden e atoparalos. Logo, cando cheguen os froitos deberás repartir entre todos eles. Disfrutarás de comer tomates de todas as maneiras posibles e cando rematen sabes que o próximo ano poderás repetir a experiencia. O tempo cíclico das estacións. O tempo lecto das colleitas. Ver como hai que esforzarse para que as plantas non murchen...  Ao final do libro, nagarda hai unhas instrucións para facer caixas fermosas nas que gardar e repartir os tomates, caixas como as que utiliza a nosa protagonista.


 

A porqueira de Margarita del Mazo e Guridi está traducido por Iria carballo e publicado na colección Somos8 da editorial NubeOcho. Unha vez máis en todosos idiomas (español, catalán, inglés e italiano) menos en galego a información editorial.

Da presentación editorial: "Os porcos son animais felices, viven moi tranquilos. Pero fanse preguntas como todo o mundo, e unha delas e por que as nenas e os nenos só contan ovellas para durmir e non porcos. Fálano coas ovellas quen, moi fachendosas, afirman que é un traballo duro que eles non saben facer. A porqueira decide poñer en marcha diferentes plans para demostrar que contando porcos se durme tan ben ou mesmo mellor que contando ovellas". Son os porcos os que contan esta historia de animais con ganas de ser ou facer outra cousa que non sexa a que está marcada para eles; os porcos queren facer de ovellas, ou mellor, conseguir que o neno Xoán conte porcos en vez de ovellas, pero descobren que ese non é un choio tan bo como pensaban... Algunha ensinanza? Será cousa de pensalo. Unhas boas ilustacións e unha histria ben contada.