Amosando publicacións coa etiqueta Pepa a Loba editora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pepa a Loba editora. Amosar todas as publicacións

luns, 8 de xuño de 2026

Un álbum ilustrado sobre o medo


Quen dixo medo? de Ana Sánchez Garea é un álbum ilustrado publicado por Pepa a Loba editora. 

Así se presenta: "Unha obra que pon de manifesto a fermosísima relación paterno-filial das personaxes, coa escuridade como fío condutor da historia." 

Pois si, vai de medo á escuridade e da demostración de que esta pode ser fonte de moitas alegrías porque... como se ven as estrelas se non é na escuridade? e os fogos de luces, acaso se poden ver polo día?... e tantas outras cousas ás que accedemos grazas a ela. Pero o mellor de todo é que cando teñas medo estea perto alguén que con cariño che axude a ver que a escuridade é necesaria e que o medo nos serve para estar alerta cando pode haber perigo pero non nos pode paralizar; escoitámolo e valorámolo pero superámolo!

mércores, 3 de xuño de 2026

Un novo libro de editorial Pepa a Loba

En pequeno formato, cunha goma que o pecha a modo de caderno, dedicado "a ese ente que te acompaña dende o día do teu nacemento": A miña sombra de Nacho Rubio e Rebeca Luciani. Publicado por Pepa a Loba editora.  

As gardas son ilustracións de ceras sobre fondo amarelo e un toque vermello no límite. Cores sobre os que traballar as diferentes páxinas enriquecendo o obxecto. 

Na cuberta, a vestido da nena ten sandías como motivo, e esa referencia gánanos, porque nós, de verdade que comemos froita e cando esta é a sandía énchesenos a boca de emoción pensando nas criaturas que xa non poderán volver a tomalas; confesamos, pois, que adoramos as sandías porque son a lembranza sentida dunha infancia que quixeramos viva e recordar doe (xa o dicía Herminio Barreiro) pero non nos permite esquecer. 

A sombra e o espello son misterios aos que nos enfrontamos na infancia. Xogamos coa nosa imaxe tentando enganar a ese outro "eu" que, como un eco nos repite.

O texto está en verso: unha estrofa de catro en cada plana, para falar de como a segue a onde ela vaia, de como a copia en todo o que faga, como se funde en negro ou semella irse cando dorme; pode irse con outra criatura ou non é posible porque ao espertar está de novo aí, pegada a ela. A nena e a sombra, o abrazo que as xungue, branco e negro, luz e escuridade; estampados nos debuxos e un paxaro (unhas veces branco e outras veces negro) que percorre o libro.

Unhas ilustracións ricas en calidade e significado e un texto que nos anima a xogar e darlle continuidade.  

luns, 23 de xuño de 2025

Poesía irreverente


Os nenos porcalláns de Nacho Rubio está ilustrado por Marc Taeger e publicado por Pepa a Loba editora na colección Estrofalaria. Así presentan esta editorial dende Un punto curioso: "Hai ben pouco descubrimos Pepa A Loba Editora, unha editorial independente de literatura ilustrada dende o corazón das Rías Baixas para o mundo enteiro. Fascinounos descubrir que detrás do selo comercial hai persoas que conectan con outras persoas para dar a coñecer as historias que publican e compartir os seus proxectos cun ton cercano, que tanto se agradece. Non en balde, ata o nome da editorial está escollido con mimo, xa que fai alusión á historia de Pepa a Loba, unha figura mítica de Galicia, unha lendaria bandoleira galega de finais do século XIX, que segundo a lenda conseguiu a súa fama asaltando camiños e roubando aos caciques e aos curas, actuando como unha Robin Hood feminina. Para eles, os editores, Pepa a Loba é esa figura imaxinaria que asalta nos camiños aos nenos e nenas para ofrecerlles lecturas que os acompañen para sempre no viaxe das súas vidas."

Así o definen:   

Un poemario irreverente
sobre as marranadas diarias
dun grupo de personaxes entrañables.  

Rimas, escatoloxía, grandes ilustracións no estilo propio do artista, pastas duras e gardas acaídasao gusto polo debuxo infantil... Trátase de ler textos e imaxes, de resistir a repulsión (se é que se produce) e divertirse con estes nenos que confesan os seus gustos segredos. Aoi longo do libro imos percorrendo as partes do corpo e as substancias que producen comezando polo proceso dalimpeza en "Desde que son pequerrecho", No cueiro de Agapito, As unllas de Fermín, As orellas de Orlando, O peido de Pedro, As lagañas de Laureana, A melena de Malena, As caries de Carina, A caspa de Gaspar, Os mocos de Macarena, As espiñas de Ermelinda, As felgmas de Filomena, Os zapatos de Gustavo, Os eructos de Érica, A nena das paellas, O ennodosxeados e A festa dos anos á que asisten todos os nenos porcalláns cos seus agasallos marráns.

Despois da Violeta Parapluie (e outra xente pouco corrente), un  poemario que lle dá a man, con porcalladas a esgalla.

sábado, 18 de xaneiro de 2025

De varia silva

As aventuras de Pinoquio de Gianni Rodari aparecen traducidas por Leandro García Bugarín e ilustradas por Maruxa Caeiro, da man de Galaxia, nun formato novo e ben interesante.

A historia en verso, un deseño coidadísimo, co boneco ao lado da paxinación, cuns colaxes limpos e coloristas... Un obxecto artístico!

Da presentación editorial: “Velaquí comezan as aventuras de Pinoquio, as súas travesuras, monicreque famosísimo polo seu nariz longuísimo”. Así inicia Gianni Rodari a súa especial homenaxe a un dos personaxes máis senlleiros da literatura universal, onde atoparemos os personaxes que Collodi imaxinou, o boneco de madeira, o seu creador Geppetto, o Tragalumes, a fada Turquesa, o mastín Alidoro, o Grilo..., a través da xenial e divertida pluma do “gramático da fantasía”

Lisístrata de Aristófanes en tradución (introdución e notas) de Iria Pedreira Sanjurjo con ilustracións de Norman Lindsay e publicado por Sushi Books. 

Nestes tempos de guerra pode estar ben ler "unha atrevida comedia pola paz para a xente do instituto"

Da presentación editorial: "Na Antiga Grecia, atenienses e espartanos levan anos enfrontados nunha cruenta guerra que non parece ter fin. Fartas de tanta violencia, inxustiza e soidade, as mulleres, lideradas pola afouta Lisístrata, deciden tomar as rendas da situación e inician unha folga sexual para conseguir a paz. Esta atrevida e irreverente comedia de Aristófanes que convida a facer o humor e non a guerra leva máis de dous mil anos facendo rir o público."

Moi boa edición e na nosa lingua. 

Nas patas de Fido de Marina Aguirre e Sara Casilda publicado por Pepa a Loba. Un album ilustrado no que destacan as imaxes da nena protagonista e o can ata o punto de semellar realizadas por alguén que se dedica ao retrato, así como nos sorprenden outras. O texto pode quedar curto á hora de explicar a situación: unha nena permanece no cuarto ou na casa e o can tráelle o mundo exterior nas súas patas: o tempo atmosférico e as súas estacións pero tamén arrecendos, afectos ou estrelas e incluso un carro no que a nena vai poder saír ao exterior acompañada polos seus amigos. Unha nena e un can que é todo un mundo para ela!