Universo diverso. Unha viaxe polo universo LGBTIQA+ de Eva Mejuto e Nee Barros, un libro informativo ilustrado por Julia Lago e publicado por Xerais.
Outro libro necesario! Semella que Xerais se está especializando en atender as necesidades que se detectan na infancia e a mocidade. Dispostos a poñer a disposición desta rapazada a información precisa para darlles a oportunidade de estar a salvo do algoritmo que os leva á zona escura da sociedade.
Unha conversa longa por parte destas dúas valentes que comezan presentándose como lesbiana e transexual e, que polo tanto, nos falan dende dentro do sistema pero tamén dende o seu interior, dende a autenticidade. Son testemuña da discriminación sufrida ou que se pode sufrir e, en base a iso, botan unha man para facilitarlle o presente a quen se move neses campos pero tamén para facer máis libres e conscentes a esa parte da sociedade que poderiamos dicir que vive nun mundo alleo a esta problemática.
Dúas voces nun diálogo (ou 3 se temos en conta á ilustradora Julia Lago, que se confesa aliada. O título que vén dunha canción de Éric Dopazo creada para a asociación Arelas. Vannos contando todo como farían para un extraterrestre que acaba de chegar ao planeta.
Que é a diversidade, O sexo, o xénero, a orientación sexual e / ou romántica, a sopa de letras para explicar cada unha das siglas e ese sino + porque poden aumentar e non temo que limitar o universo, os simbolos que representan o gran colectivo e cada unha dos colectivos específicos. Páranse despois a explicar algúns conceptos: saír do armario, transitar, ter pluma, xénero non binario, drag, aliade. A continuación explican a diversidade na natureza (peixes, cabaliños de mar, pingüíns, bonobos pero tamén flores e fungos que mostran a diversidade). Un pouco de historia para poder dar a coñecer referentes pero tamén para recoñecer os pasos que se levan dado neste campo e os tropezos cos que atopamos como a violencia que ás veces chega ao asasinato do distinto. A diversofobia fronte ao que se considera "normal" cando non nos paramos a pensar, porque, que é a normalidade? Remata coas datas para celebrar con orgullo e "E para (non) rematar".
Algo moi interesante deste libro informativo, de coñecemento, de divulgación ou non ficción (como se lle queira chamar) é a maneira de citar traballos que se realizaron ou se están realizando, bd, autores/as, cancións... absolutamente actuais. Encántame a forma na que está "contado" e tamén ese "para saber máis" a través da páxina de Eva Mejuto: evamejuto.gal/universodiverso. O dito, non se pode perder, hai que telo a man en cada biblioteca e nas mans de cada adolescente.
Da presentaicón editorial: Eva Mejuto e Nee Barros guíannos nunha viaxe polas realidades LGTBIQ+ chea de cor, ironía e gana de revolucionar o día a día. Para iso, contan cos luminosos debuxos de Julia Lago e a axuda dun ser que vén doutro planeta e que non entende nada... aínda. Un libro para espertar a curiosidade, que anima a buscar cancións, citas e referentes que cómpre ter preto, pero tamén para falar (sen tabús) de como é amar, ser, sentir ou simplemente vivir máis alá das normas que a sociedade nos impón. Quen dixo que só hai unha maneira de estar no mundo? "

Ningún comentario:
Publicar un comentario