xoves, 22 de outubro de 2026

Libro premiado no Jules Verne: A lingua dos grifóns


 A lingua dos grifóns
de Santiago Lopo foi premiada no Jules Verne de Literatura Xuvenil e aparece publicado na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Así se presenta: "No continente de Anterga a natureza e as palabras están desaparecendo. A poeta Viri e o seu irmán Lauro medran nun orfanato onde a lingua antiga só serve para despedir os mortos. Un día reciben un convite misterioso e emprenden unha misión para salvar o mundo, desafiando a opresión que sofre o seu pobo. Entre profecías esquecidas, criaturas fantásticas, desertos de sal e selvas perigosas, Viri e Lauro descubrirán o poder da voz e da memoria. 

A obra mergúllanos nunha distopía orixinal, rica en detalles culturais e lingüísticos. Velaquí unha aventura épica e vibrante, chea de maxia, amizade e resistencia, que dá un paso de xigante na fantasía xuvenil galega." 

Un continente que que camiña cara a súa destrución total, coa natureza destruída, o chan convertido en minas, a poboación escravizada. Unha matriarca asinando un armisticio con outra potencia (moito máis desenvolvida, coa que loitou ao longo do tempo, e que agora a explota nunha paz de mentira), o Libro dos Augurios que é falsificado conducindo a parellas de orfos cara a morte ou o a escravitude cando pensan que van salvar o país... Unha boa historia que nos trae unhas reminiscencias que nos deberían facer pensar: a espía maior do reino é a cronista (que mellor maneira de cambiar do presente, o futuro e o pasado?), a lingua antiga está prohibida (falala e cantala), "a enerxía do noso mundo provén das palabras, a enerxía fónica (a que cando di os nomes dos seres vivos estes mantéñense con vida e reprodúcense, a que cando repite as ideas e as fai ecoar as leva á realidade), un continente, unha natureza unida ás palabras que a representa, os nomes que o autor lle dá ás diferentes partes do continente (Altos da memoria, Río Permanente, Cumio da Cinza, Eterna, Selva Ignota, Mar Verde...) pero tamén Lar de Orfandade, Anterga, Laio da Árbore Seca, Laio do Adeus, Lingua Antiga...

"Anterga morrerá na derradeira palabra pronunciada", que nos está a dicir? A relación que pode haber entre ese continente e Galicia (natureza, explotación, lingua...) é un valor engadido da novela, que dá para reflexionar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario