En outubro, no luns máis próximo ao día da morte de Teresa de Jesús (15 de outubro), celébrase o Día das Escritoras. Unha serie de entidades (Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias FEDEPE e a Asociación Clásicas y Modernas), ao redor da Biblioteca Nacional de España, promóveno. Cada edición (esta é a XI) escóllese unha entidade, época, temática... a quen dedicarllo. Neste caso faise co Lyceum Club Feminino do que se cumpre o centenarion da súa fundación. Escóllese un lema, neste caso "As amigas como forma de liberdade" e unha comisaria, que no 2026 é Christina Linares, editora, filóloga e responsable da Editorial Renacimiento.
O obxectivo é reivindicar a contribución desa metade da humanidade á literatura recuperando a memoria das autoras. A comisaria a nivel español selecciona textos de autoras en castelán e normalmente un en vasco outro en galego e outro en catalán; nesta edición só se conta co catalán pois das outras non se escolleu ningún.
Igual que en anos pasados, dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, realízase unha selección de autoras galegas e en galego que podan lerse nos lugares públicos, ademais dos que aparecen noutras linguas. Esa selección está no seguinte enlace. Dise que "das máis de 500 socias do Lyceum das que se recollen actualmente os seus nomes, a organización seleccionou unha serie de textos para a lectura continuada que na Biblioteca Nacional de España se vai desenvolver o día 19. Houbo algunha galega entre aquelas 500, é o caso de Dolores Giménez-Coronado Soto (A Coruña, 1864), Aurora Rodríguez Carballeira (Ferrol, 1879), Regina García García (A Coruña, 1898), Emma Rodríguez Novo (Mondoñedo, 1899), Natalia Peinador Porrúa (Mondariz, 1906), Yolanda Fernández Bordás (Ourense) e Elena Sánchez de Anido (Santiago de Compostela, 1877). Outras non naceron en Galicia máis si tiveron unha certa vinculación galega como Georgina Porrúa, María del Mar Terrones, Edwidge Gifford, Ana Hermida García e Ascensión Vidal Piazuelo. Sobre unhas e outras podemos obter información na web do Lyceum, no Portal de Arquivos Españoles e no Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.
A temática ten moita relación coa vida e obra de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano coas Letras Galegas. Dela e sobre ela recóllense textos pero tamén de moitas outras autoras como podemos ver nese enlace.
Na Fundación Neira Vilas, celébrase, un ano máis a Anisia Miranda contextualizándoa nesta data. O nome da Fundación aparece nas entidades colaboradoras da Biblioteca Nacional nesta conmemoración dende 2020 cando se realizaba a V edición. En Gres, unha ofrenda floral e unha lectura, que sempre coindiu con persoas que podían ler tamén en euskera e catalán, completan esa homenaxe a unha escritora que naceu fóra pero sempre estivo vinculada a Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario