domingo, 18 de outubro de 2026

Unha novela de zombis e vinganza premio Xuventude Crea de Novela Curta

O premio Xuventude Crea de Novela Curta do ano 2024 concedeuselle a Alba Guzmán Falcón que xa o conseguira tamén con Xoaniña de Deus en 2021. Ante isto, eu diría que a repetición en premios antes de número de convocatorias debería terse en conta e da mesma maneira, as editoriais deberían ler os resultados deses premios á hora de publicar. Á dicir, descubrir aí novas autorías e facilitar que sexan creadores/as novas as que podan acceder a estes premios. Pode que sexa unha manía persoal, tamén eu estou en contra de conceder premios cando non teñen a calidade debida pero realmente gúastame pouco ver que esta sexa a única maneira de publicar. Ben, deixemos iso que daría moito para falar...

A vinganza de Paquiño Jackson é unha novela, publicada por Xerais na colección Redes, ben escrita que gusta seguir ata o final. Certamente dá unha certa preguiza o comezo pero unha vez metida en tema vai coma un reloxo, con mmisterio e todo.

Da presentación editorial: "O videoclip do «Thriller» de Michael Jackson rebentou as pantallas televisivas do rural galego no Nadal de 1983. Foi entón cando Francisco, para gañar a popularidade que nunca antes tivera, se rebautizou como Paquiño Jackson. Agora está morto, pero, xunto coa súa vaca Marela, volve ao mundo dos vivos para atopar vinganza. «A vinganza de Paquiño Jackson» é unha verbena estrafalaria, un crime no medio dunha festa, unha mácula negra no rexurdir dun milleiro de cores. Esta novela busca atopar unha adolescencia esquecida hai corenta anos en Rabodaleira e preguntarse por que a vitoria semella que nunca está a carón dos vulnerables." 

Certamente, os vulnerables case sempre acaban perecendo e fano antes que aqueles aos que odiamos dende sempre, os fillos de boa familia que xa só por iso están salvados e ben poderían ter algo de xenerosidade con aqueles que nunca van estar ao seu nivel, cos vencido desde o berce; pero non, empéñanse en mostrar a súa superioridade e fan risa deles... chegando á crueldade máis absoluta. Tamén é certo que lles chega coa indiferenza, con acudir a lugares diferentes e facer que os outros non existen, pero ás veces non poden remedialo e como panda de imbéciles teñen o xefe, o pagafantas, o que ri de todo o que di ou fai o líder... Do 1983 ao 1989 vai a historia. De descuberta dese vídeo de Michael Jackson, a quedar fascinado repetindo o baile, e deslumbrar por un tempiño (curto, que a vitoria destes sempre é breve), a morte non accidental del e da súa vaca Marela, á resurrección e vinganza co enigma por descubrir e o final feliz (podemos dicir feliz? pois si!, feliz!). 

Esa mestura entre a música do momento, a vida na aldea con esa vaca amiga que leva o nome dun conto de Neira Vilas (ao que se lle rende homenaxe, aí e no ambiente rural, seguramente), o mundo dos zombis. Se Balbino pensaba e rumiaba os pensamentos cando andaba coa vaca, Paquiño ensaia os bailes, son tempos distintos e os rapaces queren ter o seu momento de gloria e soñar con que vai durar (nunca se lle ocorriría ao noso Balbino pensar que podería ser mozo da filla do alcalde ou non sofrir as burlas dos fillos do veterinario, farmacéutico e demais, igual non pensaría que a través dese alcalde lle chegarían as subvencións para a granxa (son outros tempos e o caciquismo vaise actualizando). 

Debo confesar que me encanta a vinganza. De non chegar a acordo e respecto mutuo os que están debaixo dos pés (que nos mostraba Xaquín Marín) deberían erguerse algún día, por respirar libremente e quitarse ese peso das costas. Ben é certo que case non o nota despois de tanto tempo convertérono en mochila... é o que ten a alienación!

Ningún comentario:

Publicar un comentario