Un libro de páxinas duras, para mover con dedos gordechos; as letras, unha a unha, un vermiño que as percorre e cando erguemos a lapela do A aparece o debuxo dunha tenda de campaña cun indio dentro e a continuación no reverso da lapela "Coa letra A / a tenda dos indios / aberta está" E así letra a letra: "Coa letra B / a bolboreta voa / non sei por que", "Coa letra C / a lúa no ceo / pódese ver", "Coa letra D o anaco de sandía / que doce é", "Coa letra E / a lenta tartaruga / sae a correr"... Imos lendo e imos vendo onde está a letra na ilustración, definíndoa, non no comezo da palabra senón formando parte do debuxo nunha coordinación absoluta entre autor e ilustrador, co ritmo acaído.
Necesario este material para ir familiarizando as criaturas coas letras e as palabras, para ir iniciando a lectura de imaxe e texto, para ir avanzando na concentración, poñendo atención, mirando con calma, paseniño, para ir descubrindo todo o que se agacha detrás do que vemos e nos len, para recitar e cantar co adulto que nos le, para acostumarnos a ler por conta allea (como dicía Juana), para entrar na alfabetización do noso mundo.
Máis de 25.000 exemplares vendidos, di a publicidade, igual que "O libro ideal para contar e cantar. Dos autroes da colección Do berce á lúa. Eses libros acartonados para recitar e cantar. Axudan a «educar o ollo e endulzar el oído» das prelectoras e os prelectores con textos baseados no ritmo e a rima, e ilustracións recoñecibles a modo de pictogramas poéticos".
Outro material, relacionado co anterior, é ABCD MEMO dos mesmos autores que se presenta a partir Xogo de letras e o complementa. Para preparar o xogo explica que hai que mesturar as cartas, barallalas e, a continuación, tentar emparellalas cando lle aparecen os pares (letra / ilustración, neste caso sen texto).
Dá tanto gusto ver que este ABCD Memo se presenta válido para facendo rular en galego, castelán, catalán, vasco, italiano e portugués... Tanto gusto!, saber que dende aquí alimentamos a imaxinación de rapazada de tantos países irmáns do noso, e que cando xoguen han saber que tamén o fan nesta esquina do mundo que leva o nome de Galicia e é de onde sae a luz que ilumina estes marabillosos materiais. Un xogo de memoria que axuda a descubrir o alfabeto, inspirado no libro Xogo de letras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario