Amosando publicacións coa etiqueta Teatro clásico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro clásico. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de xaneiro de 2025

De varia silva

As aventuras de Pinoquio de Gianni Rodari aparecen traducidas por Leandro García Bugarín e ilustradas por Maruxa Caeiro, da man de Galaxia, nun formato novo e ben interesante.

A historia en verso, un deseño coidadísimo, co boneco ao lado da paxinación, cuns colaxes limpos e coloristas... Un obxecto artístico!

Da presentación editorial: “Velaquí comezan as aventuras de Pinoquio, as súas travesuras, monicreque famosísimo polo seu nariz longuísimo”. Así inicia Gianni Rodari a súa especial homenaxe a un dos personaxes máis senlleiros da literatura universal, onde atoparemos os personaxes que Collodi imaxinou, o boneco de madeira, o seu creador Geppetto, o Tragalumes, a fada Turquesa, o mastín Alidoro, o Grilo..., a través da xenial e divertida pluma do “gramático da fantasía”

Lisístrata de Aristófanes en tradución (introdución e notas) de Iria Pedreira Sanjurjo con ilustracións de Norman Lindsay e publicado por Sushi Books. 

Nestes tempos de guerra pode estar ben ler "unha atrevida comedia pola paz para a xente do instituto"

Da presentación editorial: "Na Antiga Grecia, atenienses e espartanos levan anos enfrontados nunha cruenta guerra que non parece ter fin. Fartas de tanta violencia, inxustiza e soidade, as mulleres, lideradas pola afouta Lisístrata, deciden tomar as rendas da situación e inician unha folga sexual para conseguir a paz. Esta atrevida e irreverente comedia de Aristófanes que convida a facer o humor e non a guerra leva máis de dous mil anos facendo rir o público."

Moi boa edición e na nosa lingua. 

Nas patas de Fido de Marina Aguirre e Sara Casilda publicado por Pepa a Loba. Un album ilustrado no que destacan as imaxes da nena protagonista e o can ata o punto de semellar realizadas por alguén que se dedica ao retrato, así como nos sorprenden outras. O texto pode quedar curto á hora de explicar a situación: unha nena permanece no cuarto ou na casa e o can tráelle o mundo exterior nas súas patas: o tempo atmosférico e as súas estacións pero tamén arrecendos, afectos ou estrelas e incluso un carro no que a nena vai poder saír ao exterior acompañada polos seus amigos. Unha nena e un can que é todo un mundo para ela!