Amosando publicacións coa etiqueta Camiño de Santiago. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Camiño de Santiago. Amosar todas as publicacións

luns, 10 de marzo de 2025

Banda deseñada

As aventuras xacobeas de Simón Martel. Camiño de Santiago escrito e debuxado por Fausto e publicado por El Patito editorial.

Da presentación editorial: "Simón Martel - a heroína máis lonxeva da historieta galega- pon as botas e a mochila para vivir unha dobre aventura no Camiño de Santiago: do Cebreiro a Compostela e de alí a Fisterra/Muxía, acompañada polos seus inseparables amigos e novos personaxes que lle irán mostrando que este itinerario vai moito máis alá da peregrinación."

Dous rapaces de instituto viaxan cos tíos dela. Cada un leva consigo na mochila a súa personalidade, el queixase e semella que sempre vai á forza, ela móstrase leda e animosa. O camiño está cheo de xente diferentes, de calquera país e civilización, de diferentes idades, con diversos intereses pero sempre acompañando, sempre botando a man que se precisa. Un cómic clásico e lineal coma o camiño que percorren os seus personaxes. Os debuxos que vai realizando Brais, as fotografías para o instagram, o mapa con todos os camiños en Galicia e a imaxe final con todois os personaxes e algún máis enriquecen o relato.

Astro Rat 6. Novas do espacio. Un tebeo escrito e debuxado por Fermín Solís publicado por El Patito editorial. 

Preséntase así: "Astro Rato e a súa tripulación viaxan ata afastadas galaxias para vivir as aventuras máis sorprendentes: o mesmo loitan cunha planta que se enfrontan a un verme alieníxena... Calquera cousa pode pasar no profundo do espazo descoñecido!"

Este é o sexto título da serie de Astro Rat, despois de Parece que orballa, A chegada de Astro - Polo, Patacator cocido!, O planeta Peperete e Retorno a unha terra descoñecida.  Uns personaxes estrafalarios que tanto poden ser animais como extraterrestres, cousas ou unha pataca andan polas viñetas. Varias historias, a primeira delas é a que ten como protagonista a Patacator, unha baloca que naceu no planeta Pataca e no sistema solar Tubérculo, cando son invadidos por outra raza con malas intencións levan a todas as demais e queda el só no planeta e fuxe nunha nave como polisón, alí descubre un ximnasio de loita libre no que empeza a traballar facendo a limpeza e aprnedendo mentres traballa de tal forma que o día que un dos loitadores sofre unha lesión apúntase a adestrar co outro e mentres el vai subindo na escalafón, Camilo o Temible segue no chan chamando para que lle acudan en cada plana e no medio de todas as historias.

Inverno na selva. Unha aventura de Amorodo e Menta xira ao redor deses dous caramelos ou gomas desas cores que so enganados por Caca.

Estraña flor relata o perigo que corren cando recollen unha flor que non coñecen e que os ataca e a maneira na que deciden defenderse e como o fan tamén do verme xigante. É o que ten andar por planetas distintos ó propio...  E mentres tanto Camilo o Temible pedindo unha ambulancia. Historias sinxelas con estraños personaxes dirixidas ás criaturas.

luns, 17 de abril de 2023

Seguimos co Camiño...

Mar de Santiago. A Xénese do Camiño de Alberto Cacharrón Mojón está publicado por Teófilo Edicións (unha garantía de bo facer dende as gardas ao texto, as ilustracións ... Publícase coa colaboración dos concellos de Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures. Narra partindo da Ruta espiritual do mar de Santiago, o Libro Sacro da Cristiandade, a Narratio Xacobea, a Historia de Santiago o Maior, Os Cinco Feitos (A Traslatio, A Revelatio, A Inventio, A Comunis e A Divulgatio), O mito Santiaguista, A ruta do Mar de Santiago e Os Símbolos do Camiño. Ese camiño que vai marcado polos cruceiros que aboian no mar. Un libro bilingüe, en galego e castelán (co título en castelán, para non asustar) e co selo da Xunta de Galicia.

Entre tanto libro sobre o Camiño, este pode ser un dos mellor trazados.

As aventuras do cabaleiro de prata (que era dama ou cabaleira) forma parte da colección "A miña primeira aventura de..." (neste caso de cabalarías), escrito por Ana Mariño e ilustrado por Iago Torres (nuns debuxos sinxelos a lapis pero ben acaídos), traducido por Alba Rozas e publicado por Boadicea editora.    

De vez en cando aparece unha páxina deseñada ao estilo do xénero para explicar algunha das cuestións que aparecen no libro, poden levar código QR... A primeira delas que fala de Lingua minorizada debe sinalarse "Unha lingua minorizada é aquela que, como ocorre co galego, ve restrinxido o seu uso en determinados ámbitos como poden ser a xustiza, a administración, os medios de comunicación ou o ensino, aínda sendo historicamente a propia dun pobo. Isto débese a que a sociedade, ou parte dela, non lle outorga o mesmo prestixio que a outra lingua coa que convive, no caso do galego, o castelán. De xeito que, se os falantes non fan por revertir esta situación, a lingua minorizada pode chegar a desaparecer."