Amosando publicacións coa etiqueta Edicións Xerais de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edicións Xerais de Galicia. Amosar todas as publicacións

venres, 31 de xullo de 2026

Heartstoper Volume 5

 

Heartstoper Volume 5 de Alice Oseman traducido por Nee Barros dálle continuidade á serie deténdose, neste caso, nese tempo no que ambos buscan a maneira de chegar “á primeira vez”. Ese cambio na relación, esa espera para que todo flúa ben e aprender a que ha mellorar é toda unha lección de bo contar. Nesta relación homosexual tratado con toda a sensibilidade posible, a autora vai paso por paso tratando cada dúbida, cada temor, de forma que acabamos acompañándoos nese percorrido pola relación con todos os problemas que se adhiren a ela coma os transtornos alimentarios ou o acoso que terá consecuencias posteriores (como sucede sempre).

Unha linguaxe inclusiva ata o límite, un retrato social a través das familias, das amizades, das escolas, da sociedade. As dificultades que saen ao camiño dunha relación non convencional son analizados con toda a empatía nunha banda deseñada que desexaríamos igualmente para outro tipo de relacións. Por iso agradecemos tanto a Xerais que se implicase neste edición que semella concluír no próximo volume.

Da presentación editorial:” O Nick e o Charlie están namorados. Por fin dixeron esa pequena palabra: «quérote», e o Charlie xa case convenceu a súa nai para que o deixe durmir na casa do Nick. Quere levar a súa relación un pasiño máis alá... mais será quen de encontrar a confianza que precisa? E agora que o Nick vai marchar á universidade o ano que vén... estará todo a piques de mudar? Este é o quinto volume da serie best-séller «Heartstopper» escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman.”

sábado, 11 de abril de 2026

Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas

Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas de Anaír Rodríguez e David Rodríguez publicado por Xerais.

Anuciase “Con información e trucos para ter en conta se os ves!”

Dia presentación editorial:”Sabías que en Galicia habitan unha chea de seres marabillosos e que en calquera momento podes atoparte con eles? Algunhas destas criaturas son moi coñecidas (bruxas, trasnos, lobishomes...), pero hai outras que se cadra ignoras e, polo teu ben, non deberías. Que habilidades teñen? En que lugares é máis frecuente atopalas? Son perigosas? Neste libro, ademais de coñecer algúns dos fascinantes seres que viven entre nós, encontrarás información valiosa sobre que facer en caso de velos. Atrévete a entrar no mundo da mitoloxía galega. Sorprenderaste co que vas descubrir!”

Agora que chega o samaín este libro preséntanos nun formato de álbum con pastas duras e grandes imaxes unha colección de seres que meten medo, tratados dunha maneira divertrida e casual en base a tres apartados: descrición do ser, “Que debes saber se o ves” e “En poucas palabras” (un resumo rápido para ir aclarándose distribuído en “Características”, “Onde viven?” e “Outros nomes”). Nos dous primeiros, aparecen rodeadas palabras que son aclaradas achegando máis información case sempre en clave cómica. Ambos autores buscan a complicidade do lector e lectora con guiños e sinceridade do estilo de “Non che sei!” (por exemplo en “Outros nomes”), coa relación con situacións ou personaxes actuais (como a cita de Mini en Pedro Chosco) ou outros comentarios cheos de humor, nas imaxes sucede o mesmo coa introdución de chapas (STOP eucaliptos, o móvil na man da moura, Meigas power na man dunha Mary Poppins sufraxista, os tenis do lobishome, o triángulo de perigo para as mozas na Coca...)

martes, 11 de novembro de 2025

Colección Merlín, un libro para máis de 9 anos

A miña amiga invisible de Eduardo Santiago con ilustracións de María Brenn está publicada na colección Merlín de Xerais.

Narrado en terceira persoa: unha nena de nove anos pasa a residir na aldea "seguindo unha arroutada ecoloxista" dos pais: el vaise dedicar ao cultivo da horta, ela continúa traballando de enfermeira na cidade, ela cambia de escola e polo tanto vai sufrir ese baño noutra realidade pero continuará sendo unha lectora voraz especialmente de libros de fadas. Realmente, cada membro da familia ten os seus gustos lectores, o pai colecciona libros de agricultura ecolóxica e a nai é entusiaste dos misterios psicolóxicos. Explícase, no prieiro capítulo que a pequena despois de oírlle falar de mundos paralelos e de verse nunha casa na fin do mundo pensa que o que hai máis alá xa non é deste mundo. Aí comeza a historia! Cando unha fadiña lle aparece no respaldo da butaca elle fala do veciño que se fai pasar por apicultor pero realmente o que fai é cazar criaturas fantásticas e pretende conseguir o seu po de fada para cumprir todos os desexos. A relación coa fada é complicada, por un lado ninguén debe enterarse da sua existencia, por outro lado discuten moito e Lali (que así se chama a fada) pretende dirixir todo o que ela fai. A discriminación, o acoso non ten unha razón de ser, nin o aspecto físico importa (pode ser por alta ou por baixa, por gorda ou por delgada... pero tamén polos trazos raciais, a cultura, as crenzas ou o sexo) nin tampouco a maneira de ser (por saber ou non saber, por lista ou ignorante, por intelixente ou non). Semella que na escola da nosa protagonista hai dúas clases de rapazada: as populares entre as que se atopan os agresivos e os marxinais. Entre estes últimos está Uxía considerada gorda, fea, gafuda e lista. Coa axuda do polvo se fada sae ilesa do ataque dos compañeiros que sofren desgrazas ao longo dunha semana e animada convida á súa nova amiga á casa onde lle conta a historia da fada... 

O encontro de dous mundos. A necesidade de que unha nena se enfronte á realidade soa, sen axuda de seres fantásticos ou amigas invisibles, unicamente confiando en si mesma. Un interrogante, estes bos alumnos e alumnas teñen que deixar de selo para que os acepten, que estratexias utilizar fronte á violencia, como axudar aos que verdadeiraente teñen problemas...?   

mércores, 23 de xullo de 2025

Series en Xerais

Continuamos con series, por un lado estaos ante Heartstopper volume 4. Cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman e traducida por Nee Barros utilizando a linguaxe inclusiva cos finais en "es". Da sinopse: "O Charlie nunca pensou que el tamén lle puidese gustar ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Charlie comeza a sentirse preparado para dicirlle esa palabra: quérote. O Nick sente o mesmo, mais anda con moitas cousas na cabeza: entre elas, saír do armario co seu pai e a posibilidade de que o Charlie teña un trastorno da conduta alimentaria. A medida que o verán dá paso ao outono e un novo curso comeza, o Charlie e o Nick están a piques de aprender moito sobre o significado do amor. Este é o cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman."

Fronte a todas as historias de amores heterosexuais ben contadas esta entre un mozo homosexual e outro bisexual, unha relación moi ben levada a relatada coa problemática da saída do armario, a declaración de amor e outras dificultades que sempre aparecen. As diferentes personalidades de mozos/as e persoas adultas, os prexuízos, as relacións familiares está presentadas cun grao de autenticidade que nos atrae.

A outra serie é Formigas Misión Samaín de Andrés Meixide e Pere Tobaruela publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha estarrecedora aventura da brigada especial das Formigas na noite de Samaín. FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Samaín» as FORMIG4S entran no Alén tras os pasos dun enigmático escaravello branco. Alí atópanse coa Santa Compaña e outros personaxes estraños. Nesta estarrecedora aventura no universo das tebras, o doutor Paumao pon a proba de novo a brigada especial. Cal será o desenlace? As FORMIG4S serán quen de volver ao mundo real?" 

Unha nova aventura da brigada que unha e outra vez deben enfrontarse ao inimigo perpetuo e saír ben paradas. 

mércores, 5 de xuño de 2024

A última obra de Ledicia Costas, un álbum

Sete dentes de león de Ledicia Costas e David Sierra é un álbum publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo."

Un novo mito da creación do mundo, a aparición das cores e a explicación do nome do arco da vella.  Plantas que nacen de soños e soños que provocan nacementos. Nubes que podes pescarse e gardarse.

Un libro para ler e ver, para mirar paseniño e paseniño, observando cada imaxe e cada detalle. Unhas ilustracións que poden lembrar as de artistas do Leste dunha determinada época e que colocan a historia nun mundo propio