martes, 24 de novembro de 2026

Hai libros que avisan...

Hai libros que avisan do que está por vir, dos perigos aos que teremos que enfrontarnos. Fíxoo Jules Verne con algún dos seus, Bradbury e tantos outros. Agora, chéganos o que foi Premio Edebé de Literatura Xuvenil. A cazaría da autoría de David Lozano, traducido por Belén Rodríguez Suárez e publicado por Rodeira Edebé.

Así se presenta: "Que nos fai humanos? É posible que unha intelixencia artificial aprenda as emocións humanas e as faga súas? Seis mozos son convidados a participar na proba experimental de VENARI, un misterioso videoxogo de realidade mixta do que ninguén oíu falar. Illados nunha localidade abandonada, que marca o seu recinto de xogo, vanse ter que enfrontrar como cazadores a monstruosas criaturas virtuais concibidas por unha IA. Porén, VENARI axiña vai amosar o seu lado máis escuro e eles descubrirán, demasiado tarde, que non están alí para competir como cazadores, senón como presas. Cando a partida comeza, xa non hai volta atrás."

Todas as criaturas monstruosas que foi quen de crear a humanidade e as mesturas que consegue poñer en pé a IA. Unha cazaría. Tres parellas de diferentes campos que teñen en común a afición aos videoxogos. Unha gran empresa disposta a xogar duro, a crear o mellor de todos eles e poñer a proba a eses xoves. Un ordenador central que nun momento determinado toma o poder e non atende ás razóns dos empresarios e investigadores, certamente nalgún momento lle outorgaron esa capacidade, o problema é que deixa de ser imparcial como se agarda del, que intervén na proba, que toma por fillos as criaturas que creou e quere que sobrevivan, que pode querer vinganza... como paralo?

Unha esperanza, o amor segue a ser quen nos salve máis alá dos cartos e o dominio, quen pode falar cunha máquina? Sabémolo polos contestadores automáticos, polos asistentes persoais que responden as nosas chamadas, sabémolo pero continuamos xogando a ser deuses, a pensar que faremos avanzar a ciencia para o ben despois das bombas atómicas, da desfeita do planeta... Igual llo estamos preparando para a IA para que o herde unha vez que remate con nós ou o fagamos nós mesmos. Este debería ser un libro para falar, para pensar, para reflexionar, para pararlles os pés a esas empresas que buscan unicamente os beneficios, para eses investigadores que buscan destacar...

Aquí tedes o enlace ao primeiro capítulo, para entrar en tema.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario