Heartstoper Volume 5 de Alice Oseman traducido por Nee Barros dálle continuidade á serie deténdose, neste caso, nese tempo no que ambos buscan a maneira de chegar “á primeira vez”. Ese cambio na relación, esa espera para que todo flúa ben e aprender a que ha mellorar é toda unha lección de bo contar. Nesta relación homosexual tratado con toda a sensibilidade posible, a autora vai paso por paso tratando cada dúbida, cada temor, de forma que acabamos acompañándoos nese percorrido pola relación con todos os problemas que se adhiren a ela coma os transtornos alimentarios ou o acoso que terá consecuencias posteriores (como sucede sempre).
Unha linguaxe inclusiva ata o límite, un retrato social a través das familias, das amizades, das escolas, da sociedade. As dificultades que saen ao camiño dunha relación non convencional son analizados con toda a empatía nunha banda deseñada que desexaríamos igualmente para outro tipo de relacións. Por iso agradecemos tanto a Xerais que se implicase neste edición que semella concluír no próximo volume.
Da presentación editorial:” O Nick e o Charlie están namorados. Por fin dixeron esa pequena palabra: «quérote», e o Charlie xa case convenceu a súa nai para que o deixe durmir na casa do Nick. Quere levar a súa relación un pasiño máis alá... mais será quen de encontrar a confianza que precisa? E agora que o Nick vai marchar á universidade o ano que vén... estará todo a piques de mudar? Este é o quinto volume da serie best-séller «Heartstopper» escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman.”

Ningún comentario:
Publicar un comentario