mércores, 29 de xullo de 2026

Novos títulos en OQO

A xirafa Oriana de Sabela Gil e Borxa Guerrero está publicada por OQO en marzo de 2026, na colección O.

Da presentación editorial: "Este álbum conta, en verso, a historia da xirafa Oriana, que se ve obrigada a emigrar e buscar traballo noutro país." En verso rimado, dun a outro continente, deixando caer cales son as causas de ter que emigrar, as dificultades para integrarse no país, a colaboración de nenos e nenas coas boas causas, a necesidade do activismo social cando non queda outra opción e como este pode (e debe) dar resultados positivos poñendo aos políticos a debater os verdadeiros problemas da xente... pero tamén o poder da narración oral coa que remata o álbum no mesmo lugar no que comezou a historia, porque a Historia ha de ser contada!

Todo ten valor no álbum, dende a sobrecuberta con solapas (*que ademais de recubrilo e protexelo, nos propón un traballo manual a realizar coa axuda dun código QR para elaborar unha xirafa Oriana) ás gardas onde se nos anticipa a historia, dende o principio ata o final. Un obxecto moi coidado para educación literaria e visual, pero tamén para centrar a atención en cada detalle pola información que nos ofrece.  As tomas e angulacións, os diferentes planos e o que neles aparece dannos para moito mirar e falar. A historia sitúanos na sabana, vémolo polo tipo de chan e árbores, estamos noutro continente: Oriana leva no seu alto pescozo colocados moitos colares, a través dos prismáticos ve o cruceiro do que desembarcan os castores (nun turismo masivo que non nos sorprende), pero que fan os castores? acaban coas árbores e, polo tanto, coa comida das xirafas. Mentres eles se divirten, Oriana pensa en marchar. Chega ilusionada a outro país, non lle dá medo traballar pero non todas son alegrías: o lixo está por todas partes, os pelícanos vixían as aduanas, moitos traballos xa non precisan quen os faga porque están automatizados e para outros piden estudos que ela non ten. Tamén se pode observar a explotación dos estranxeiros (aquí é doado recoñecelos), cando máis desesperada está ao pasar por diante dunha escola os pequenos fálanlle e dinlle que quede con eles, como non conseguen que lle dean traballo han de manifestarse con moitos máis e levar o asunto aos gobernantes (o bufo, a tartaruga pero tamén o burro e o raposo) e chegar a "un bo trato" cun traballo a medida que só ela pode facer con ese pescozo longo e o afecto pola rapazada. Remata a historia na sabana, sobre os troncos das árbores taladas un animal conta a historia "porque traio na memoria / a miña querida Oriana", ela é a mesma que podemos seguir dende a escola, con ese lazo rosa avermellado na orella. Quen conta tamén é protagonista e así o demostra. Esa lámina final móstraa coas lentes da idade pero cos colares de Oriana e fronte a unha nova xirafa con chupete, no seu ollo reflíctese! Cada  animal ao seu dende unha á outra garda: o escaravello lento coa súa bola, todos escoitando.   

Importante o que se le, fundamental o que se mira e este álbum dá moito para pensar porque está reflexionado en cada pormenor, minuciosamente. 

*Así explica o ilustrador que facer: "O álbum vén cun plus, que é un videotutorial —accédese a través dun código QR, mentres que un segundo permite imprimir novas maquetas— para amosar as posibilidades do que se pode facer coas sobrecubertas, que en realidade son para que os nenos poidan abrilas e pintar nelas... Neste caso, non é só colorear, senón que eles poden facer as súas propias creacións de xirafas (...) A xirafa ven sen vestir, polo que podemos facerlle un vestido ou un pantalón, ou podemos poñerlle a roupa que queiramos. É xogar a vestila e a darlle a nosa propia imaxe ou a que nós quereríamos que tivese Oriana."  

Ningún comentario:

Publicar un comentario