martes, 5 de agosto de 2025

Un poemario de Elvira Ribeiro Tobío: Mar de mazá

 

Mar de mazá de Elvira Ribeiro Tobío con ilustracións de Begoña G. Arce é unha nova proposta que non nos vai deixar indiferentes. Un percorrido poético polos mares, cun poema de entrada (Convite) e outro de despedida (Maradeus), dezaseste en total, cheos de referencias. Conta a autora que levaba gardado, como a riqueza nun cofre, todas esas ideas, palabras e historias relacionadas co mar, de tal maneira que chegou o momento de recollelas nun libro. Un fermoso volume de bo tamaño que se completa cunhas ilustracións pouco comúns (neste tipo de publicación para rapazada) de Begoña G. Arce; debuxos en branco e negro cheos de misterio e suxerencias, unhas imaxes que se prestan a buscar significado e nos poñen en situación de recoñecemento, de adiviñación, de poñer a imaxinación ao servizo da busca. Xeografías propias, mapas case imposibles, cidades irreais, illas inalcanzables, natureza inviable, mundos oníricos que semellan falar de surrealismo. Se buscamos o campo semántico de mar, o noso propio léxico e imaxinario marítimo, seguramente atoparemos coincidencias con este mundo de Elvira. Porque aquí están os poetas medievais, os piratas, os sete mares, a illa do tesouro, o "nós tamén navegar" de Xohana Torres, os faros, as crebas e os tesouros.

Xa Elvira nos trouxera o mar no libro As redes de Inés de 2014, xa limitara as vocais no poemario pAlAbrAs brAncAs e 2008 para publicar a biografía de Maruja Mallo formando parte da Mulleres bravas da nosa historia e  2017 e mais o álbum ilustrado Ola!, son un bicho bóla! en 2019. Sempre situándose en territorios propios, non repetíndose, creando con toda a imaxinación e o oficio en xogo.

Un bo libro!


Ningún comentario:

Publicar un comentario