domingo, 3 de agosto de 2025

Álbums que falan de ecoloxía sen nomeala (II)

Debaixo do asfalto, a flor de Mónica Rodríguez e Rocío Anaya traducido por José Luis Garrosa e publicado por A fin de cuentos

Así se presenta:"Neste lugar, cuberto agora de asfalto, houbo hai tempo unha terra verde e altas árbores e mesmo un río de augas sonoras. Un día, unha familia de vendedores ambulantes acampou alí. Foi León, o do riso bonito, quen descubriu a flor. Coidouna, evitou que os outros nenos a esmagasen e fíxoa a súa amiga. Sentaba a carón dela para ver pasar as nubes e contarlle anacos da súa vida. Contáballe o da súa vida errante, o da burriña Brisa, o de Camila, cuns dedos que un día se entrelazaron cos seus."

Cunhas ilustracións en base a manchas nas que as figuras aparecen case indeterminadas, un texto que nos fala do pasado, das lembranzas de alguén que pasou por un "aquí" e cóntasenos que un día houbo unha flor e natureza onde agora só queda asfalto, dos coidados que un rapaz lle prestou á flor (igual que nun planeta distante fixera o Principiño). Fálasenos da vida errante dunha xente que viaxa nun carro, do que fai cada un deles, da noite ao redor da fogueira e de coma o vello lles conta historias (ou máis ben sucedidos como ese de cando lle entrou un oso no carro). León, o neno que coida a flor, fálalle, cóntalle a súa vida, explícalle de maneira fabulada a razón pola que vai descalzo ou leva a roupa esfarrapada; é el moi sensible por iso sofre cando venda a burra Brisa ou cando tivo que despedirse da nena Camila da que estaba namorado por iso lle dará ese nome á flor.

O val silvestre, tal como era, resultaba misterioso e belo, a irmá pequena paseaba cunha manta longa nos ombreiros que cubría os prados, tal como a capa dunha raíña. Cando marchan case esquecen a León que estaba deitado a carón da flor mirando o sol no ceo, son os paxaros que comezan a facer círculos no ceo (pensando que está morto) os que delatan a súa presenza. Volven a buscalo e el asomado entre a lona  ve como se afastan o bosque, o río, os prados e a flor que nunca volverá a ser a mesma. Porque onde hai cemento houbo natureza e paisaxe, árbores, flores, prados onde quedaban as pegadas que agora non podemos deixar sobre este chan gris e frío coma os soños cando non os soñamos.

Un fermoso texto que nos leva a pensar no pasado dos lugares e nos nenos capaces de coidar flores ata o punto de esquecerse de todo o demais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario