luns, 11 de agosto de 2025

Unha bd e un noveliña

Miquits. Visita á casa da avoa de Paula Cheshire nas imaxes e nos textos Alba de Evan con Xabier Domínguez, aparece publicado por Antela editorial.

Da presentación editorial: "Miquits non é un gato calquera, é o inseparable compañeiro dunha bruxa. Canda ela, e o resto dos seus amigos, enfróntase a misterios e perigos en cada recuncho. Nesta ocasión, a viaxe lévaos ata a casa da avoa Emelinda, onde novas aventuras e desafíos os agardan.
Un cómic cheo de maxia, diversión e emocións que conquistará pequenos e maiores."

Vai de bruxas, neta a avoa, cada unha coas súas mascotas, unha araña a da avoa e un gato, un rato e un can de neta. -Como viaxan? -En vasoira, - Como se entenden entre si os animais? - Vanse afacendo incluso aos bovos que alí coñecen coma o gran dragón chamado Coca e as preguntas continúan: -Teñen medo? -Como se comunican cos que están lonxe? - Cal é o oficio da araña? -Lévanse mal o can e o gato? - E o gato e o rato? - Non hai bruxos na historia?...

Unha banda deseñada para pequerrechos e pequerrechas!

A miña avoa, a miña heroína de Sabela Fernández Trelles ilustrado por Blanca MIllán e publicado na colección Merlín (a partir de nove anos) de Xerais. 

Preséntase así: "Un emotivo relato sobre a ansiedade na infancia e a fortaleza de sentirnos acompañados polos nosos seres queridos."

Certo, vai de sentimentos e emocións. Ansiedade, inseguridade, tristeza... nunha costa abaixo: mal humor, enfado cos demais, pensamentos negativos, silencio... non querer preocupar aos que a queren, sentirse "coma se estiveses a recibir empuxóns cada vez máis fortes ata que caes ao chan e es incapaz de volver levantarte". O diario como a mellor maneira de expresar os sentimentos e desfogar, a compañía dos que a queren como a mellor medicina.

Despois de contar a súa historia, pasa a contarnos a historia da súa avoa de como viven nunha aldea e se ten que desprazar á cidade e a un internado para poder estudar, o mal que o pasa alí pero tamén como consegue unha amiga para toda a vida, con ela aprende o valor da lectura. A avoa ademais de mostrarlle un moddelo de superación explícalle que é a ansiedade: "Imaxina que estás na selva e ves un león. O teu corpo pose alerta: notas suores fríos e o teu corazón bate moi rápido... Pois ti agora mesmo ves leóns por todas as partes e a túa cabeza envíache eses sinais de alerta en forma de pensamentos negativos. Por iso tes que tratar de plantarlles cara, dilles que nestes omentos tes mellores cousas que facer. Non deixes que ocuen a túa mente. Verás como a seguinte vez que veñan o farán con menos forza, e así ata que teñas o control". Si, acabará aceptando que ven dunha saga de mulleres fortes e nada poderá con ela.

Entendo que este tipo de libros poden ser necesarios pero igual había que coidalos un pouco máis...

Ningún comentario:

Publicar un comentario