Amosando publicacións coa etiqueta Xabier Domínguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xabier Domínguez. Amosar todas as publicacións

luns, 11 de agosto de 2025

Unha bd e un noveliña

Miquits. Visita á casa da avoa de Paula Cheshire nas imaxes e nos textos Alba de Evan con Xabier Domínguez, aparece publicado por Antela editorial.

Da presentación editorial: "Miquits non é un gato calquera, é o inseparable compañeiro dunha bruxa. Canda ela, e o resto dos seus amigos, enfróntase a misterios e perigos en cada recuncho. Nesta ocasión, a viaxe lévaos ata a casa da avoa Emelinda, onde novas aventuras e desafíos os agardan.
Un cómic cheo de maxia, diversión e emocións que conquistará pequenos e maiores."

Vai de bruxas, neta a avoa, cada unha coas súas mascotas, unha araña a da avoa e un gato, un rato e un can de neta. -Como viaxan? -En vasoira, - Como se entenden entre si os animais? - Vanse afacendo incluso aos bovos que alí coñecen coma o gran dragón chamado Coca e as preguntas continúan: -Teñen medo? -Como se comunican cos que están lonxe? - Cal é o oficio da araña? -Lévanse mal o can e o gato? - E o gato e o rato? - Non hai bruxos na historia?...

Unha banda deseñada para pequerrechos e pequerrechas!

A miña avoa, a miña heroína de Sabela Fernández Trelles ilustrado por Blanca MIllán e publicado na colección Merlín (a partir de nove anos) de Xerais. 

Preséntase así: "Un emotivo relato sobre a ansiedade na infancia e a fortaleza de sentirnos acompañados polos nosos seres queridos."

Certo, vai de sentimentos e emocións. Ansiedade, inseguridade, tristeza... nunha costa abaixo: mal humor, enfado cos demais, pensamentos negativos, silencio... non querer preocupar aos que a queren, sentirse "coma se estiveses a recibir empuxóns cada vez máis fortes ata que caes ao chan e es incapaz de volver levantarte". O diario como a mellor maneira de expresar os sentimentos e desfogar, a compañía dos que a queren como a mellor medicina.

Despois de contar a súa historia, pasa a contarnos a historia da súa avoa de como viven nunha aldea e se ten que desprazar á cidade e a un internado para poder estudar, o mal que o pasa alí pero tamén como consegue unha amiga para toda a vida, con ela aprende o valor da lectura. A avoa ademais de mostrarlle un moddelo de superación explícalle que é a ansiedade: "Imaxina que estás na selva e ves un león. O teu corpo pose alerta: notas suores fríos e o teu corazón bate moi rápido... Pois ti agora mesmo ves leóns por todas as partes e a túa cabeza envíache eses sinais de alerta en forma de pensamentos negativos. Por iso tes que tratar de plantarlles cara, dilles que nestes omentos tes mellores cousas que facer. Non deixes que ocuen a túa mente. Verás como a seguinte vez que veñan o farán con menos forza, e así ata que teñas o control". Si, acabará aceptando que ven dunha saga de mulleres fortes e nada poderá con ela.

Entendo que este tipo de libros poden ser necesarios pero igual había que coidalos un pouco máis...

domingo, 7 de xullo de 2024

Unha nova colección de libros: Miudiños de Cumio

 

Na nova colección de libros Miudiños de Cumio aparecen dous títulos: Luís Seoane e Rosalía de Castro da autoría de Alba de Evan e Xabier Domínguez. Unha edición magnífica, unha boa escolla de artista e escritora pola que comezar, dous referentes da nosa cultura que dan moi ben para un comezo glorioso. Poucas veces nos chegan ás mans edicións tan coidadas e que se presentan así: "Unha vida feita poema. A colección Miudiños conta a vida de artistas importantes da nosa cultura a través de diferentes biopoemas: poesías que falan das súas vidas e obras."

Teño que confesar que xustamente os biopoemas son o que cambiaría, semella que non están ao mesmo nivel dunha edición impresionante e unha ilustracións de gran calidade. O texto introdutorio e a liña cronolóxica, a pintura de Seoane ou o poema de Rosalía para pechar o libro, tamén resultan moi acaídos. Igual hai que facer os experimentos con máis coidado, porque o desequilibio que se crea entre o texto e a ilustración e deseño da obra resultan chocantes, porque estamos moi necesitados destas obras e precisamos non perder oportunidades.

Parabéns a Bea Gregores porque nunca nos defrauda, porque se supera a si mesma e vai máis alá, tal como precisa a nosa rapazada. 

luns, 20 de febreiro de 2023

De bruxas traducidas

Malvarina. Quero ser bruxa de Susana Isern con ilustracións de Laura Proietti publicado e traducido por Triqueta Verde.

Así a presentan: "Unha valente nena de nove anos desexosa de converterse en bruxa. Ela decide tomar o control do seu destino e visita ás tres bruxas que gobernan a súa cidade, temidas polos seus terroríficos feitizos. Dispostas a atopar unha herdeira, adestran a MALVARINA para que se converta nunha delas. Pocións máxicas, caldeiros fumarentos, vasoiras voadoras e feitizos enfermizos…" Con ese estética tan chea de estímulos na que tanto no texto como a ilustracións se xoga con introducir novas un e outro incentivos en forma de caracteres de diferente tipoloxía, negriñas e diferentes tamaños de letra e presentacións, acicates que van levando ao lectorado nunha carreira sen par ata quedar sen alento; seguramente é necesario fronte ás pantallas, só agardamos que como do cómic pasaron a outros xéneros deste formato podan trasladarse a outros máis tranquilos e serenos. A historia está ben pois a rapaza quere ser bruxa pero en vez dunha bruxa mala converterase nunha mala bruxa que desfai o meigallo e trae de novo o neno que as bruxas converteran en ogro... con el poderá xogar!

Máis tradicional é A bruxa Selana de Alba de Evan e Xabier Domínguez ilustrado por Laura Cortés. Tranquila vai andando a historia e, aínda que as ilustracións se prodigan traen ese ritmo da camiño para facera pé. A pequena bruxa (que o é) ten que facer os exames, non os do cole que os leva moi ben senón os da bruxería, e no medio deles entra un dos compañeiros da escola co que non se leva ben e que acaba convertido en gran babosa por unha confusión: Ela traerao de volta ao seu ser e as cousas volven ao seu estar. Ela é unha bruxiña boa sen necesidade de reivindicarse, capaz de entenderse coa Santa Compaña e con quen se lle poña diante. 

Dous modelos de bruxa, porque ten que haber de todo e... non é malo. O bo é poder escoller.