xoves, 30 de xullo de 2026
Libro de pastas duras e mensaxe esperanzada
luns, 27 de xullo de 2026
As dúas avoas
Nina e Tina de Beatriz García - Huidodro e Raquel Catalina Ledesma, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección Demademora para lectorado a partir de tres anos.
Non sempre as avoas son como aparecen nos libros que as crianzas len, por iso unha desteas criaturas nos conta como son as súas, totalmente diferentes ás que ve no papel. Máis alá de ir analizando as diferenzas entre o que le e o que ve nas súas avoas (tan diferentes unha da outra) está o que vai descubrir, porque os libros igual non se enganan tanto, ou si?
Esa relación tan especial entre avoas e netas merece este e moitos libros máis, tal como pode verse na edición en galego. E... que riqueza que as avoas podan ser tan distintas unhas das outras!
As ilustracións moi interesantes. Polos trazos soltos e abocetados realizados con lapis de cores, cun uso contido da cor, a diversidade de planos e por facer protagonista a mirada da nena máis alá do que conta. Unha serie de metáforas visuais axúdannos a enriquecer a lectura, máis alá da chiscadela do gato da primeira páxina, o desenvolvemento da imaxinación da nena a partir da lectura, as posturas e representación da pequena moi autónoma que se move polo plano mentres os pais fan sempre outra cousa. Estes van avanzando nunha preparación que só entenderemos ao final; ela ao seu, contándonos o que pensa, movéndose pola escena con total liberdade. A nena está de cumpreanos dísenos na imaxe, cumpre catro, igual que se nos di que é o que lle gusta, os agasallos que recibe ou o que le.
Unha combinación perfecta de texto e imaxe!
martes, 9 de xuño de 2026
Parchís de María Girón
Parchís de María Girón está publicado por Kalandraka con tradución de Iago Nicolás.
Trae un taboleiro de parchís para que o xogo se faga real e o tempo compartido sexa verdadeiro. Catroi casiñas, cada un coa súa cor e o seu animal, a súa casa.
Preséntase como unha historia tenra, enxeñosa e divertida sobre a amizade, o xogo e o pracer de compartir as pequenas cousas. O que conta é unha historia de convivencia, de como todo é mellor cando se comparte, de como non tmeos que ser iguais nin achegar o mesmo senón complementarnos e achegar cada un o aquilo no que destaca. Unha mañá de inverno, todo nevado, gato pensa que o mellor é tomar unha cunca de leite quentiño, pero se vai buscar alguén máis o leite saberá mellor, meteo nunha botella abrígase (pon o abrigo, a bufanda e o gorro) e sae á busca. Para na casa da árbore onde coella acaba de sacar do forno o seu biscoito de cenoria, pero pensan que mellor vai saber se almorzan en compañía, así que coella abrígase (abrigo, bufanda e gorro) e xuntos van á casa do lago. Alí parrulo di que é un día perfecto para tocar o ukelele a carón do lume, pero aínda soará mellor se comparten ese tempo con alguén máis, abrígase (de novo a repetición: abrigo, bufanda, gorro) e vanse á casa do outeiro, pero non atopan a teixugo, porque este saiu, ben abrigadiño e co parchís, na súa zorra e vai pasando polas diferentes casas (a do río, a da árbore, a do lago) e seguindo as pegadas vainos atopar na propia casa, na do outeiro onde o están a agardar. A carón do lume, toman o leite, o biscoito, escoitan o ukelele e xogar ao parchís mentres a roupa seca. Son felices!
Unha historia acumulativa na que as ilustracións nos contan máis que as palabras e onde se demostra que a felicidade compartida é máis e mellor. Unha historia circular como a amizade que envolve aos amigos e amigas e os conduce dunha a outra casa, dun a outro refuxio, dun a outro mundo, dunha a outra soidade que, de vez en cando, se alimenta da compañía.
domingo, 24 de maio de 2026
A festa dos animais
Así se presenta: "Un acartonado ideal para xogar aos contrarios no que os animais acompañan as nenas e os nenos nas súas tarefas cotiás." Dirixido a crianzas a partir de dous anos. Cores luminosas, imaxes sinxelas (pero nunca simples) nunha estética moi persoal na que aparecen criaturas de diferentes etnias coas que poder identificarse. Animais protagonistas con nenos e nenas que os acompañan facendo máis evidente aquilo que o caracteriza. Observemos algunha das páxinas: A tartaruga é lenta, a criatura vai sentada sobre o caparazón bostezando e as flores non se moven. O cabalo galopa rápido, os rapaces que o montan móvense e vanse agarrando para non caer ao pasar por un campo no que as flores van inclinándose ao seu paso.
Así o presentan, tamén: "Hai todo tipo de criaturas no mundo: rápidas ou lentas, que pasan o día durmindo ou esperto, que xogan ou traballan, que viven soas ou en compañía, que fan un desastre ou van en cola, que sempreson tranquilos ou facilmente alterables. Todos diferentes, todos igual e dispostos a celebrar unha gran festa de animais. Monos, ósos, curuxas, preguiceiros... Vinte especies diferentes nun libro sinxelo e divertido que axudará aos máis pequenos a adquirir vocabulario e a nomear o mundo que os rodea. Un álbum de tapa dura cunha deliciosa estética vintage do ilustrador arxentino Marcos Farina."
Deste autor son tamén outros libros para ensinarnos cores nun xardín; a diversidade falando de ti, eu e todos...
xoves, 9 de abril de 2026
Menstruación en marcha
Menstruación en marcha de Gloria A. Calvo, Camila Lynn e Agostina Mileo está traducido por Iago Nicolás e ilustrado por Martina Trach. Publicado por Kalandraka.
A modo de caderno, un libro de mulleres que fala e mostra mulleres deténdose na chegada da menstruacióne o que isto significa, da relación coas hormonas, de quen pode menstruar, que inflúe, como é o sangue da menstruación. A resposta a preguntas como se doe ou se cambia o estado de ánimo, se é para sempre, que produtos se poden utilizar e como se enfronta esta nas diferentes partes do mundo, a relación cos embarazos, os prexuízos e tabús ao redor da menstruación. Todo isto con apartados tan interesantes como "Sabías que...?", "A experimentar!" con traballos de campo; "Para ter en conta" e Menstrumito" / "Menstruconsello".
Unha guía imprescindible para acompañar a chegada da menstruación e falar dela sen falsos mitos nin tabús.
Unha nova aproximación, despois de Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só) publicado por Xerais na colección Seica.
domingo, 16 de novembro de 2025
A miña mascota e máis eu, A banda que ninguén coñece...
A miña mascota e máis eu de David Hernández Sevillano e Alejandra Estrada está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.
Da presentación editorial:"Un entrañable relato de amizade entre un can e un neno narrado dende un punto de vista diferente." Certamente, o mellor é ir lendo o álbum e deixando que nos sorprenda porque "Chámome Coco e sempre tiven unha mascota. Cando era pequeno mamá tiña unha mascota na casa e agora eu quedei co seu fillo. Encántanme as mascotas pero non é doado atendelas. A miña mascota e máis eu coidámonos moito: el reenche a miña cunca de auga e eu procuro que non lle faga dano comer demasiado (...)" Nas imaxe a lapis (negro, verde e marrón) un neno e un can, o neno con gafas e o can... case. O humor e a tenrura van ocupando as páxinas con esa escaseza de recursos que converten o álbum nunha obra magnífica.
A banda que ninguén coñece de Nadia Budde está traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka. Da presentación editorial: "Un divertido álbum repleto de situacións disparatadas, xogos de palabras e rimas delirantes co que imaxinar a historia dun particular grupo de rock." Nas gardas aqueles símbolos que caracterizan a cada un deles.
Comezan presentándose, primeiro por anacos e logo de corpo completo mentres o público aumenta e os vai observando. Son extravagantes como corresponde a unha banda. NInguén os coñece nin por partes nin a corpo completo, comezan a tocar e alá vai o público correndo ao concerto, bailan ata a madrugada, os veciños piden que pare xa a festa, retíranse cansos, nesas os músicos despídense "Adeus camaradas!" (todos os coñecen). Onde está a diferenza entre ser coñecido ou non?, como se dan a coñecer?, é necesario ser.
domingo, 20 de xullo de 2025
Álbum ilustrado
As mans da miña avoa de Inés Cardoso e Susana Matos está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección MareMar.
Da presentación editorial: "Unha historia tenra e chea de amor que nos traslada no espazo e no tempo a través da sempre curiosa ollada da infancia. Unha homenaxe ás avoas, as mellores mestras, que nos achegan sempre memoria e sabedoría." Na páxina de Kalandraka relaciónano con A avoa adormecida, O comedor da avoa e Avós.
Contado dende o punto de vista da neta, este libro é unha declaración de amor e respecto polas súas mans. As mans da avoa son máxicas, fai doado o que é difícil, as súas mans son sabias e fortes, ela observa o que fai a neta e está presta a botarlle unha man, sabe que para ter unhas mans como as súas hai que pasar moitas penurias. Ademais das mans, la observa a avoa: a súa cara chea de engurras coma surcos na terra, os ollos cansos de tanto ver, as lembranzas doutros tempos, coñece o nome de todo canto hai no campo (plantas e flores, froitos e animais), sabe o que debe coidarse e o que hai que eliminar, cando aguar e cando podar, ensínalle aplantar unha árbore para que medre tanto como o fixoa cerdeira que ela plantou de pequena, tamén lle ensina a cociñar e os seus platos poden ter o sabor da saudade, tamén cose non desbotanto aacos de tea ou botóns que sempre reutiliza e ademais, ensínalle a agardar polas estacións, por outros tempos, polo futuro, polas árbores para que medren...
As mans da avoa gardan o tesouro que nin siquera os piratas teñen.
sábado, 14 de xuño de 2025
Para contar números e historias
Dez coelliños de Maurice Sendak está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.
Así se presenta: "Un divertido álbum para aprender a contar cara adiante e cara atrás coa maxia e co humor do extraordinario Maurice Sendak.
Mino avanza, fai unha reverencia, amosa o seu chapeu baleiro e, por arte de maxia, co toque da súa variña vai saíndo un coello, e outro, e outro máis… Os primeiros divírtenlle e mesmo se gaba da súa mestría artística, pero cantos máis coellos saca da súa chistera, o seu malestar vai en aumento: inquedos e rebeldes, estes orelludos animais brincan enriba da súa cabeza, cóanselle entre as pernas e ata chegan a cubrilo por completo. Dez coelliños de Maurice Sendak é un relato visual que, cun mínimo apoio narrativo, anima a contar do un ao dez en sentido crecente e decrecente, e a coñecer a grafía dos números. Así, tralo décimo coello, o mago Mino fainos desaparecer un a un, exteriorizando o seu disgusto cun truco que se lle foi das mans e recuperando o sorriso pouco a pouco a medida que avanza a resta.
O humor é a principal calidade desta obra publicada en España en 2024, doce anos despois do pasamento do autor. Agás polos tons azuis, ocres e grises que colorean os coellos, predominan o branco e negro. Tamén sobresae por amosar dun xeito expresivo o amplo abano de emocións —dende a presunción inicial ata a desesperación e a impotencia posteriores— que experimenta o personaxe principal. Precisamente, o neno desta historia —alter ego do propio Sendak— identifícase cos protagonistas de «Onde viven os monstros», «Na cociña de noite», «O un era Xoán», «Sopa de polo con arroz» ou «Miguel, conto exemplar». Dez coelliños é, por tanto, un libro co que iniciar as nenas e os nenos máis cativos na obra deste xenial autor e que sigan descubrindo os seus clásicos imprescindibles."
Sumar e restar, de un en un, iso si. Contar avanzando e retrocedendo. Observar moi ben as imaxes para descubrir o que sente o mago a través das súas expresións. Un debuxo moi limpo e sinxelo que fala por boca do autor cun texto mínimo pero suficiente. Aí está a xenialidade, en expresalo todo cun mínimo de recursos.
mércores, 16 de abril de 2025
Paulo está de mal humor
Hai días así, nos que espertas de mal humor e semella que todo é gris e a nube non se vai ir do ceo. Iso lle pasa a Paulo. Todas as propostas da nai lle parecen mal. Para todas ten desculpa: os bambáns balancéanse demasiado, o areeiro está cheo de area, o tobogán esbara moito, a auga está mollada...
Daquela a nai decide que o mellor é dar un paseo. Aparece unha amiga de Paula que se alegra tanto de velo que lle dá unha aperta fortísima e xuntos vanse animando uns e outras. Porque para o mal humor hai remedio, porque así como ven pode irse, porque non hai nada como unha boa compañía para cambiar a cor do día.
En formato grande, con letras e parte do debuxo en releve... un marabilloso álbum sobre o humor. As ilustracións moi expresivas e ricas vannos levando por mil detalles coa presenza dos ratos aí, á volta da esquina da familia gato, os xoguetes de Paulo, os alimentos, as roupas e complementos que adornan o mundo, o resto dos animais que forman parte desa sociedade e a gran pregunta: como poden ser tan suxestivas as manchas? como se pode conseguir tanta expresión sen apenas detalle?
luns, 30 de decembro de 2024
Pequeno oso, pequeno tigre na festa de aniversario
Despois de Que bonito é Panamá, Eu curareite, dixo oso pequeno, Coreo para tigre, Tigre e oso na cidade, Imos buscar un tesouro... esta festa de aniversario!
Da presentación editorial:
"Tigre pequeno fai anos e quere celebralo ao grande cos seus amigos e veciños.
Unha guía perfecta para preparar unha festa inesquecible, onde pode acontecer o máis inesperado."
xoves, 30 de maio de 2024
Eric Carle e Amigos
Amigos de Eric Carle é un álbum ilustrado, traducido por Iago Nicolás, publicado por Kalandraka.
Preséntase así. "Un álbum conmovedor que transmite profundas emocións e sentimentos sobre o valor da amizade, que supera ausencias e obstáculos." Porue un neno e unha nena eran amigos, dos de verdade, facían todo xuntos (xogaban, corrían, bailaban, contñabanse segredos...) pero un dia a nena marchou e o neno botábaa tanto de menos que cruzou un río, subiu unha montaña, atravesou un prado... ata olleu un ramo de flores e atopou a aiga para darllas e volver xogar xuntos. O autor conta que escribiu ese libro acordándose dunha amiga que tiña de pequeno e á que nunca volveu ver
Deste autor tamén é Unha eiruga moi larpeira xa publicada nesta editorial en 2005, con tradución de Pilar Martínez e Chema Heras ou A araña moi ocupada e Da cabeza aos pés e as ilustracións de Oso pardo, oso pardo, que ves aquí? todos eles con tradución de por Iago Nicolás.
martes, 14 de maio de 2024
Lectura fácil. Libro con pictogramas
Da presentación editorial: "Esta é a coñecida historia de tres chibos, un grande, outro mediano e outro pequeno, adaptada agora a linguaxe pictográfica (SPC) en galego."
Para a inclusión, para que toda a infancia poda ler sexa cal sexa a súa competencia, ten que haber libros con pictogramas. O mellor é poder editalos contando con asociacións con tradición e experiencia neste campo como Bata, para romper barreiras de incomunicación e estimular o camiño da lectura.
A historia é ben coñecida: tres chibos de diferentes tamaño, un peqeunno, un mediano e un grande, cada un deles ten a barba e os cornos que lle corresponden e que provoca unha fermosa repetición. Un dñia deciden baixar da ntaña ao val para comer herba fresquiña pero han de pasar unha ponte que entraña un perigo: está gardada por un ogro ao que conaseguen enganar e así poder á madurez.
Un álbum ilustrado para aumentar a colección de libros de lectura fácil, libros que facilitan a inclusión.
mércores, 24 de xaneiro de 2024
Kalandraka e as súas novidades: A volta ao mundo
Kalandraka, entre as súas novidades, presenta: A volta ao mundo de Javier Villafañe con ilustracións de Juan Ramón Alonso e tradución de Iago Nicolás aparece na colección MareMar de Kalandraka.
Da presentación editorial:"Iago sae da casa no seu triciclo, disposto a dar a volta ao mundo. Unha aventura de estrutura acumulativa que pon en valor o poder da imaxinación." Porque, ás veces, o mundo é a túa mazá ou a túa aldea, e o bo é que diferentes seres se animen a acompañarte e dar a volta a ese mundo, contigo. Os amigos vanse xuntando, pouco a pouco, e despois da festa marchan todos de repente, para volver ao seu lugar, ao seu fogar. Niso consiste a vida, en facer un camiño, dar unha volta e ir en boa compañía.
Soñar con dinosaurios de Allan Ahlberg e André Amstutz traducido por Óscar e Sandra Senra Gómez e publicado por Kalandraka na colección Tras os montes. Así aparece na presentación editorial: "Unha nova aventura dos esqueletos máis divertidos, na que terán que enfrontarse en soños a uns peculiares dinosauros." Esqueletes e dinosaurios pode ser unha boa combinación (e xa non digamos se andamos polo samaín). Á rapazada non lle meten medo nin uns nin os outros senón máis ben o contrario, adóranos!
Os esqueletos están deitados e soñan con dinosaurios (que tamén se mostran en forma de esqueletos), o medo é libre, sempre medo aos máis grandes, sempre asombro ao que non entendemos ou non cubre as nosas expectativas... Unha historia surreal na que nun momento determinado os dinosaurios chocan entre si e convértense nun gran monte de ósos
martes, 14 de novembro de 2023
Os migrantes en Kalandraka
Os migrantes. Que son os migrantes? esa é a pregunta que se fan os dous irmáns. El cóntanolo todo, estaban a piques de saír e a profesora Alicia dilles que van ter na clase dous migrantes, pasan a tarde e a noite dándolles volta ao que serán os migrantes: un tipo de pasteis, unhas mascotas (ourizos cachos, concretamente, deses que se converten en boliñas e rodan igual que pelotas), palíndromos... pola noite chegan os malos pensamentos (coa escuridade): e se son espíritos malos? Dormen mal e van con medo para a escola, cando entran fano collidos da man, dispostos a todo; cando entran na aula só hai dous novos co pelo moi rizado e os dentes moi brancos, sentados, cóntanlles como era a súa vida lonxe, fanse amigos e andan tan abstraídos que se esquecen dos migrantes que non apareceron pero se o fan non haberá perigo, agora son un equipo de catro imposible de derrotar.
Pauli, a irmá, para pensar mellor ponse na postura da famosa estatua O pensador ou colócase coa cabeza para abaixo... Cando falan dos palíndromos crean algún máis que non deixan de sorprendernos. En fin, unha marabillosa historia, moi ben contada e ilustrada con lapises de cores en estilo realista, un relato que, no medio do terror nos abre a mirada á natureza ("mirei o ceo e convencinme de que, polo menos, era un día moi bonito para morrer")
A presentación editorial, inmellorable: "Unha proposta orixinal que aborda o encontro co diferente con humor e intelixencia, a través da mirada curiosa e inocente da infancia."
luns, 31 de xullo de 2023
O sono animal
Sempre nos preocupou saber a razón pola que temos que durmir e xa non digamos, saber como dormen os diferentes animais, como o fan cando andan atravesando océanos, cando corren perigo, cando voan ou nadan, cando pasan o inverno durmindo... Pois ben, agora temos o libro que nos resolve todas as dúbidas. O seu título é O sono animal, está escrito por Silvia Lazzaribo Binelli e ilustrado por María José Arce Letelier; a tradución ao galego é de Iago Nicolás e publicado por Kaladraka.
Preséntase así: "Un libro informativo rigoroso e sorprendente para descubrir as curiosas e variadas formas de durmir que se dan na natureza. En “O sono animal” poderás coñecer as insospeitadas formas de descanso de máis dunha trintena de animais, tan diversas como a mesma natureza. Un paxaro que apaga a metade do cerebro mentres voa, unha mosca que adormece sobre a súa flor favorita e un peixe que se recosta na súa cama de burbullas... Uns dormen escasos minutos, mentres que outros o fan durante longas tempadas. A algúns gústalles permanecer enterrados e, a outros, apiñados no alto dunha árbore para que os depredadores non os alcancen. Unha obra cuxo minucioso contido científico se complementa cunhas elocuentes e detalladas ilustracións a acuarela".
luns, 12 de xuño de 2023
Un magnífico libro sobre a gran teoría
En continua evolución de Santiago Ginnobibli, con ilustracións de Guido Ferro, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.
Da Presentación editorial: "Este libro acércanos á teoría de Darwin e axúdanos a entender mellor quen somos e de onde vimos". Non se pode dicir máis claro, partindo da observación dos diferentes tipos de animais e da análise daqueles aos que nos semellamos máis, acompañamos a peripecia biográfica de
Darwin, a súa viaxe ao redor do mundo... imos achegándonos a nós mesmos, a quen nos parecemos e de aí para atrás ata chegar á primeira familia, de aí aos grandes simios (chimpancé, orangután e gorila), logo aos mamíferos cos que compartimos a crianza dos fillos e... camiñando coa cabeza atrás atrás chegamos a que toda a vida na Terra foi unha familia que pode estudarse a través da xigantesca árbore da vida. Foi difícil de aceptar a aínda hoxe dá traballo porque os cambios son moi lentos e se é complicado mirar cara atrás facelo cara ao futuro aínda o vai ser máis. Pero, ao remate fálasenos da ciencia "Non te convence algo do que che contei? Está ben, nunca creas todo o que che din. Estas ideas, estas ferramentas, poden perfeccionarse. Poden, incluso, abandonarse e substituírse por outras. Porque o coñecemento constrúese de forma colectiva e sempre pode mellorarse. Iso dixo Darwin, e iso continuamos a facer. Se che gustan estas ideas son túas. Podes apropiarte delas, modificalas, desenvolvelas, amplialas e, quizais, contárllelas ás túas amigas, aos teus alumnos, ás túas sobriñas, aos teus fillos. Porque somos mamíferos e lles transmitimos ás nosas crías o que nos ensinaron e aprendemos. Para cambiar estas ideas por outras mellores terás que facerte novas preguntas, quizais algunhas que aínda ninguén se fixese."
Magníficos textos, ilustracións marabillosas que dende as propias gardas buscan abrirnos a mente e facernos pensar ao tempo que nos divirten polo contraditorias que poden resultar, debuxos científicos, láminas de natureza aventureira como esa do mar embravecido polo que navega o Beagle, cambios que nos van gustar como ver o Pensador de Roden convertido en Pensadora e... de fondo esa maneira de obrigarnos a facernos preguntas e chegar a conclusións que sempre van no camiño de respectar toda a vida que nos rodea, todos os ecosistemas que hai no planeta.

















