Hai días así, nos que espertas de mal humor e semella que todo é gris e a nube non se vai ir do ceo. Iso lle pasa a Paulo. Todas as propostas da nai lle parecen mal. Para todas ten desculpa: os bambáns balancéanse demasiado, o areeiro está cheo de area, o tobogán esbara moito, a auga está mollada...
Daquela a nai decide que o mellor é dar un paseo. Aparece unha amiga de Paula que se alegra tanto de velo que lle dá unha aperta fortísima e xuntos vanse animando uns e outras. Porque para o mal humor hai remedio, porque así como ven pode irse, porque non hai nada como unha boa compañía para cambiar a cor do día.
En formato grande, con letras e parte do debuxo en releve... un marabilloso álbum sobre o humor. As ilustracións moi expresivas e ricas vannos levando por mil detalles coa presenza dos ratos aí, á volta da esquina da familia gato, os xoguetes de Paulo, os alimentos, as roupas e complementos que adornan o mundo, o resto dos animais que forman parte desa sociedade e a gran pregunta: como poden ser tan suxestivas as manchas? como se pode conseguir tanta expresión sen apenas detalle?
Ningún comentario:
Publicar un comentario