Un par de mulleres que escriben e ilustran. Un par de libros. Un par de editoriais
Eli García presenta a banda deseñada O grande aviario en Antela editorial. Imaxes moi boas porque a ilustradora é unha especialista en natureza. Seguindo o paxaro que recolle a moeda que a elas lles caera, Íar e Lea dan cun lugar máxico no medio da cidade, un bosque e unha paxareira inmensa na que as aves poden entrar e saír como e cando queiran. Lea inventa a historia dun hotel de paxaros e Íar, unha gorida na que estes gardan un tesouro... Para finalizar atopamos a referencia á realidade con actividades, máis información relacionada coa historia e un caderno de paxaros para familiarizarse cos nomes populares e científicos, as súas carateristicas e costumes. Ficción e información nun volume.
Se queres que a crianza se habitúe a recoller os xoguetes e a deixar o seu cuarto limpiño e ben, igual non está de máis O pesadelo de Mateo, porque este neno non recolle (xoguetes, roupa e demais) e ten todo feito un desastre. Cando a nai lle pregunta bótalle a culpa a Pesadelo, pero unha noite aparece ese pequeno monstro e fai o seu traballo de verdade, daquela Mateo ten un segundo problema pero serviralle para darse conta de que hai que actuar doutra maneira, sen esquivar responsabilidades (incluso porque todo ten unha segunda volta e podes atopar a inversa). O pesadelo de Mateo de Estefanía Padulles está publicado por Belagua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario