Amosando publicacións coa etiqueta Estefanía Padulles. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estefanía Padulles. Amosar todas as publicacións

domingo, 20 de abril de 2025

Varios títulos para crianzas

 

Un par de mulleres que escriben e ilustran. Un par de libros. Un par de editoriais

Eli García presenta a banda deseñada O grande aviario en Antela editorial. Imaxes moi boas porque a ilustradora é unha especialista en natureza. Seguindo o paxaro que recolle a moeda que a elas lles caera, Íar e Lea dan cun lugar máxico no medio da cidade, un bosque e unha paxareira inmensa na que as aves poden entrar e saír como e cando queiran. Lea inventa a historia dun hotel de paxaros e Íar, unha gorida na que estes gardan un tesouro... Para finalizar atopamos a referencia á realidade con actividades, máis información relacionada coa historia e un caderno de paxaros para familiarizarse cos nomes populares e científicos, as súas carateristicas e costumes. Ficción e información nun volume. 

Se queres que a crianza se habitúe a recoller os xoguetes e a deixar o seu cuarto limpiño e ben, igual non está de máis O pesadelo de Mateo, porque este neno non recolle (xoguetes, roupa e demais) e ten todo feito un desastre. Cando a nai lle pregunta bótalle a culpa a Pesadelo, pero unha noite aparece ese pequeno monstro e fai o seu traballo de verdade, daquela Mateo ten un segundo problema pero serviralle para darse conta de que hai que actuar doutra maneira, sen esquivar responsabilidades (incluso porque todo ten unha segunda volta e podes atopar a inversa). O pesadelo de Mateo de Estefanía Padulles está publicado por Belagua.


martes, 13 de agosto de 2024

Unha de princesas e reinos: "O reino de Libeliño"

O reino de Libeliño de Estefanía Padulles (no texto e as ilustracións) "é un libro cheo de personaxes lendarios como dragóns, princesas, bestas fantásticas, sabios e cabaleiros que se enfrontan a moitas aventuras por montes misteriosos. Pero é algo máis: é a historia do reino de Libeliño, un lugar máxico e moi divertido que vos vai traer á cabeza a lembranza dos contos tradicionais para ir durmir", di a presentación editorial.  Está publicado por Hércules de ediciones, na colección Novas lecturas de Hércules, traducido por Rosario Baleirón Sóñora. Un país: Libeliño; un rei medio parvo que convida á princesa doutro reino e se mete nun lío tremendo querendo facerlle un agasallo (un colar de raios de sol con pingas de auga), menos mal que a princesa é lista e consegue demostrarlle que nin siquera el co seu poder podería facer tal e non lle queda outra que regarlarse a si mesmo. Casa, teñen unha nena que é feliz ata que o rei volve meter a pata: xogando ao xadrez con outro rei cabréanse porque cando un do ah o outro di oh e entran en guerra, a princesa abúrrese sen astrónomo que lle ensine e marcha buscando aventuras. Chega ata o bosque onde vive o dragón e chegan ao acordo de compartir residencia pero os cabaleiros que envían dende o reino do pai acaban coa tranquilidade... só a visita dun mariñeiro de país afastado que vai buscando solución á guerra para que a xente poda volver ao seu. Vanse todos na busca da solución baixo as indicacións do dragón que é o máis listo, piden asesoramento ao tigrepardo que lles dá a frase que han de repetir aoi chegar ao campo de batalla: "Quen teña algo mellor que facer que pelexar que vaia á súa casa!" Os poucos que quedan "daban bastante pena, porque se notaba deseguida que estes soldados non tiñan ningún sitio a onde ir, que ninguén os agardaba na casa nin os botaba de menos; por iso lles importaba tanto polo "oh" e polo "ah", para ter algún obxectivo na vida." o que pasa con eles vale a pena ir velo ao libro, igual que o final da historia na que Cirolina, a princesa, demostra a súa autonomía e alí ninguén vai casar con ninguén e os trovadores contarán en contos e lendas o que ocurriu naquel reino.

Unha historia ben contada que demostra que estereotipos e roles andan atrasados, que as boutades dos reis sería mellor tratalas, que a guerra é tan absurda como as razóns para declarala ou o feito de que pelexan nela os que non se enfadan... Pois si, unha hsitoria para rir e pensar!

domingo, 21 de xullo de 2024

Unha historia na Coruña

A pantasma do castelo. Porlier e a súa loita pola liberdade de Estefanía Padulles está publicada por Hércules de Ediciones.

Así se presenta: "Coñeces a Juan Díaz Porlier? Pois nestas páxinas propoñémosche unha viaxe ao século XIX, para descubrir a vida deste heroe que defendeu a liberdade ata a súa morte. O percorrido vainos levar ata o Castelo de Santo Antón, onde coñeceremos unha pantasma moi especial."

Unha nena cóntanos a historia: unha mañá de domingo, unha excursión en bicicleta, unha parada no castelo de San Antón e a descuberta dun personaxe histórico. Coñecer a cidade propia, a súa historia, os heroes e heroínas que defenderon a democracia... sempre é algo a ter en conta. Saber que hai detrás dos nomes das nosas rúas é estar nos lugares de certo, con responsabilidade. Da rapazada pero tamén dos maiores é a responsabilidade de que isto sexa así, e libros coma este axudan.