Volcán, o cabalo salvaxe da illa de Sálvora de Paula Carballeira, ilustrado por Xoana Almar e publicado por Triqueta Verde.
Da presentación editorial:" Na illa de Sálvora vive Volcán, o cabalo máis salvaxe de todos os que viven alí. Un día Volcán veu algo que flotaba na agua e comezou a correr. Corría ao galope, máis que nunca, e os outros cabalos, eguas, gaivotas e corvos quedaban sen alento vendo o que facía.
Unha divertida historia para coñecer un pouco mais a fauna e a flora das Illas Atlánticas a través da historia de Volcán, un valente cabalo que soña que é libre para correr ao galope sen límites por terras onde acontecen cousas extraordinarias."
Cando a nai lle pon ao seu poldro o nome de Volcán sabe o que fai, cando el corre semella que o fai unha bóla de lume, por iso non dubida en acudir a salvar unha criatura que está a piques de afogar, daquela galopa galopa ata internarse na superficie de mar e agarrar a meniña pola roupa cos dentes para traela de volta á terra. Logrouno! Os pais recupérana felices, Nadia (a nena) volve cada vez que pode para estar con Volcán e contarlle historias para que poida soñar; Nadia significa esperanza e esa é a que mantén Volcán porque non quere ter ningunha atadura e correr sen límites e poder volver "porque sempre hai que ter un lugar onde volver e un amigo ou amiga que te espera". Unha boa ensinanza, non é?
Rolando, un fío resistente de Alba de Evan e Xabier Domínguez, ilustrado por Paula Cheshire e publicado na colección Árbore de Galaxia.
Da presentación editorial:"Rolando é un artista que tece obras de arte co seu fío en Preto-da-Fonte. Inesperadamente, vese arrastrado a un espazo hostil do que deberá escapar. Ao longo do traxecto atopará aliados inesperados como Silvina, que lle axudará a volver ao seu fogar. No camiño urdirán unha historia de aventuras minúscula onde o máis grande é a amizade. Atréveste a acompañalos?"
Unha historia de animais, arácnidos e artrópodos, arañas, formigas e cascudas, familias que recuperar, exércitos dispostos a cargar co que sexa, animais independentes que pensan que non necesitan de ninguén e outros que tecen redes de solidariedade, buscadoras de liberdade e creadores de beleza que chegan á mesma conclusión "o fío máis resistente que podían tecer era o que os unía: o da súa amizade"
Ningún comentario:
Publicar un comentario