mércores, 24 de xaneiro de 2024

Kalandraka e as súas novidades: A volta ao mundo

Kalandraka, entre as súas novidades, presenta: A volta ao mundo de Javier Villafañe con ilustracións de Juan Ramón Alonso e tradución de Iago Nicolás aparece na colección MareMar de Kalandraka. 

Da presentación editorial:"Iago sae da casa no seu triciclo, disposto a dar a volta ao mundo. Unha aventura de estrutura acumulativa que pon en valor o poder da imaxinación." Porque, ás veces, o mundo é a túa mazá ou a túa aldea, e o bo é que diferentes seres se animen a acompañarte e dar a volta a ese mundo, contigo. Os amigos vanse xuntando, pouco a pouco, e despois da festa marchan todos de repente, para volver ao seu lugar, ao seu fogar. Niso consiste a vida, en facer un camiño, dar unha volta e ir en boa compañía.

Soñar con dinosaurios de Allan Ahlberg e André Amstutz traducido por Óscar e Sandra Senra Gómez e publicado por Kalandraka na colección Tras os montes. Así aparece na presentación editorial: "Unha nova aventura dos esqueletos máis divertidos, na que terán que enfrontarse en soños a uns peculiares dinosauros." Esqueletes e dinosaurios pode ser unha boa combinación (e xa non digamos se andamos polo samaín). Á rapazada non lle meten medo nin uns nin os outros senón máis ben o contrario, adóranos!

Os esqueletos están deitados e soñan con dinosaurios (que tamén se mostran en forma de esqueletos), o medo é libre, sempre medo aos máis grandes, sempre asombro ao que non entendemos ou non cubre as nosas expectativas... Unha historia surreal na que nun momento determinado os dinosaurios chocan entre si e convértense nun gran monte de ósos



Ningún comentario:

Publicar un comentario