Os versos da mariola de Antón Cortizas acadou o Premio Arume de poesía para a Infancia e foi presentada a súa edición en decembro de 2023. Publicado por Embora, cunhas ilustracións impresionantes de Andrés Meixide que converten o libro nun verdadeiro xogo.
Reivindica o xogo tradicional a través da poesía e a ilustración. Un xogo literario sobre os vellos xogos da infancia e tamén un libro pensado para xogar coa súa lectura a través das propias ilustracións. Unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas.
Volve o escritor ao empeño de defender o xogo tradicional e a maneira de xogar da rapazada noutros tempos de máis natureza e rúa e menos actividades dirixidas e pantallas, tal como se fixera na obra de teatro coa que ganara o premio Gala do Libro de 2016, Xogando con gatos.
No apartado "O porqué destes versos" o autor mostra esta preocupación ante o cambio das formas de enredar da infancia, fala dos valores positivos e didácticos do xogo tradicional e busca que a lectura e a poesía sexan tamén unha brincadeira. Para iso, cada poema convértese nun xogo e desta maneira precisa a colaboración do lectorado para sentir que o libro acada o seu obxectivo. Todo tipo de recursos lúdicos e lingüísticos van no seu auxilio: caligramas, pareados, lecturas colectivas, cambios de letras por números ou palabras desordenadas... todo serve ao xogo, coa mariola como centro do mundo.
El ten máis libros relacionados
con xogos como Chirlomirlos (Enciclopedia dos xogos populares, Ao pé da Laxa da
Moa - recolleita da riqueza literaria oral en forma de adiviñas,
trabalinguas, contos, lendas e refráns do concello de Carnota) e Tastarabás.
Enciclopedia de brinquedos tradicionais).
Ningún comentario:
Publicar un comentario