domingo, 31 de decembro de 2023

Un libro homenaxe a Brueguel e O Bosco: A nave dos fatos

Un libro homenaxe a Brueghel, O Bosco e algún máis: A nave dos fatos. Así se presenta:"Un «rapaz moi listo» vive nunha cidade de parvos e, claro, abúrrese moito. Unha boa mañá, para superar ese aburrimento, decide gastar unha broma ao seu veciño: planta unha tomateira nunha xerra e engade esta misteriosa mensaxe «Tomates chegando a trece, quen conta desaparece». A partir de aí, encadéanse múltiples sucesos nos que a planta irá pasando de man en man nunha delirante e accidentada viaxe." Unha celebración do grotesco na que se fai visible o lado festivo e tamén a crueldade ou a morte, todo presentado con ese barroquismo e surrealismo anteriores á súa aparición artística. Figuras estravagantes, animais imposibles, situacións escatolóxicas, ovos camiñantes, escenas nas que o personaxe se repite simultaneamente na mesma escena, a cantidade de personaxes secundarios que contan múltiples historias en paralelo á principal de forma que cada lámina achega moita información... Certamente a rapazada vaise divertir con tanta comicidade e deixándose sorprender pola loucura que entra a caudais, xogando a adiviñar onde están os cadros, descubrindo as cousas de fatos que van aparecendo, as composicións imposibles ou as circunstancias impensables. Anxos, unicornios e dragóns, quimeras e pesadelos, xeografías inconcebibles, un mundo ao revés nos que as persoas pastan e os animais pastorean, muíños a piques de caer nas cimas das montañas, xente tendida a secar ao lado da colada, cegos que guían a cegos, porcos alimentados con flores e cabras que aiñan nas copas das árbores, galos subidos a cabalos e carneiros que comen a palla dos tellados. Un libro para mirar sen límite de tempo, para que cada un pode ver máis alá que o anterior e menos que o seguinte, nunha suma acumulativa na que entre todos imos descubrindo algo máis de tanta riqueza. E si, hai moito necio pero tamén moita loucura e sinrazón nunha obra complexa e marabillosa na que un exercicio de provocación sin límites nos paraliza a mirada. Esa mirada sobre o popular a finais do medievo, esa mirada primitiva e infantil case máxica que percorre a comicidade e o xogo cunha imaxinación sen límites. "Un álbum no que prima a risa alegre e a súa sombra cruel porque a festa inclúie sempre un lado de barbarie", en palabras de Estrig Aparicio. E, ao final, a moralexa: o burlador burlado porque o listo vaise ver envolto nun truco de maxia e o conto desaparece quedan unicamente algunha das pinturas para que unamos referencias.

Unha obra de Ana G. Lartitegui (que recontrúie en acuarela lenzos do Bosco, dos Brueghel e Patinir, así como debuxos de Desprez) traducida por Jose Luis Garrosa Gude e publicada por A fin de cuentos.

Semella ser a primeira obra traducida ao galego por esta editora que publica, normalmente, en castelán, catalán e euskera

2 comentarios:

  1. Hola Pilar, muchísmas gracias por esta excelente reseña de A nave dos fatos. Quería también decirte que esta es la segunda obra que publicamos en gallego. La primera fue el libro A guerra, de Jose Jorge Letria y André Letria con la también excelente traducción de Jose Luis Garrosa Gude.

    ResponderEliminar
  2. Qué alegría leer esta reseña tan completa y argumentada. Muchísimas gracias por compartir tu visión sobre "A nave dos fatos".

    ResponderEliminar