Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña, ilustrado por Raquel Lagartos e publicado por Xerais na colección Merlín, conseguiu o XXIII premio SGAE de teatro infantil 2022.
Así se presenta: "Unha nena está desexando explorar o parque infantil que abriron ás aforas da vila. Mentres xoga, encontra por casualidade un boneco enterrado. É un soldado de porcelana que lle conta que viviu na vila hai moitos anos, pero non é quen de lembrar o seu nome nin como acabou nese lugar. Coa axuda da súa familia, a nena intentará recompoñer o crebacabezas para que o boneco poida atopar o seu lugar."
E atoparao, porque a avoa é a filla dese soldado que garda ao lado do peito o debuxo que ela lle fixo de peqeuniña, porque a súa casa fica abandonada dende hai moitos anos, porque as nenas son insistentes e conseguen chegar a onde queren. Grazas á pequena, que o desenterra, consegue recobrar a memoria de quen foi e poder marchar ao lugar onde tiña que estar dende o principio da súa desaparición; agora quedan o resto das sombras, habitando o parque, para que a rapazada axude nesta tarefa de recuperación, que devolverá a cadaquén ao seu lugar.
Unha obra que segue o camiño de Labraña de enfrontar os temas máis duros cunha delicadeza extrema, atento aos problemas sociais e as preocupacións cívicas. As ilustracións acaídas, interesantes e nun momento "estrañas", falando da lectura que se fai da obra con máis ou menos detemento, ou de como as pequenas son quen de ver de forma moi relativa as súas casas. Estoume a referir á casa verde que aparece no debuxo que a filla lle fixera, da que todos os personaxes comentan que é pequena pero que no debuxo aparece máis grande que as outras (ou tanto, polo menos).
Grazas por esta volta, Mambrú, porque estabas aí, na canción, lembrando o horror de todas as guerras!
Ningún comentario:
Publicar un comentario