Dous libros de Carlos López, o Chinto de Pinto&Chinto:
O frac do pingüín (e outros contos de animais) e Contos que caben nunha man.
O primeiro deles, O frac do pingüín (e outros contos de animais), está ilustrado por Christian Inaraja e publicado en Tambre, na colección Ala Delta. En cada mini conto vai dando razón do animal, por que é así, a que se deben as súas caraterísticas... sempre dende un punto de vista humorístico, non debemos esquecer que o autor forma parte do dúo Pinto & Chinto de humor gráfico. Así se presenta: "Como conseguiu a súa luz o vagalume? Por que a cebra ten raias? ¿Cal é a razón de que voe o peixe voador? En que momento empezou o can a enterrar os ósos? Como se orixinou a crista do galo? De que maneira logrou o caracol a súa casa? Se tes curiosidade, abre este libro cheo de animais, entra nel (con tino de non pisar os bechos máis pequenos) e axiña o descubrirás."
Especializado nos formatos pequenos, os seus contos infantís buscan sorprender e conseguir o sorriso co mínimo de palabras
O segundo dos libros, Contos que caben nunha man, está ilustrado por Uxía Pin, publicado en oqueleo na colección +6 e podemos ler un adianto no seguinte enlace. Dise:"Estes contos son tan pequenos que caben nunha man. Unha man que di coa man adeus ao aburrimento e ola ao humor, que te leva da man a un mundo de sorpresas. Unha man que cos cotenos chama á túa portsa e che entrega este libro que agora tes na túa man." Un puñado de historias, con diversión a mans cheas e tamén soños de primeira man.
Ningún comentario:
Publicar un comentario