Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.
De Xerais, ademais do libro de María Canosa: Luísa Villalta, melodía de palabras na colección Merlín, dirixido a rapazada de máis de once anos, está na rúa Luísa Villalta. Alma de violino de Beatriz Maceda e Eli Ríos con ilustración de Laura Suárez. Un libro de gran formato con moita ilustración e o equivalente a máis ou menos unha páxina de texto por plana. Unhas imaxes magníficas que ademais lembran o retrato de Luísa Villalta.
A alma do violín é unha pequena peza que se coloca no interior e por debaixo da ponte que soporta a presión das cordas tensadas. Violín ou violino como ela o denominaba, é o instrumento que tocou ao longo da vida e co que participou na Xove Orquestra de Galicia ou no grupo Escaino. Alma de violino era a alma que tiña Luísa na que a poesía e a música ían da man.
É con palabras, ao redor delas como se conta a historia de Luísa, das palabras favoritas das autoras: Infancia, Violino, Lingua, Galiza, Silencio, Compromiso, Escrita, Cidade, Muller e Alma. Recóllese un poema "Materia de Alexandre Bóveda" e unha serie de citas da autora das Letras. Nada lle foi alleo a Villalta en canto a asumir compromisos co país, coa lingua, co feminismo, coa cultura, coa paz, coa memoria histórica, coa ecoloxía... a participación nos diferentes medios de comunicación e nos diferentes foros de opinión e organizacións (Mesa pola Normalización Lingüística, AELG, Galeusca...). Un compromiso tamén coa escrita en todos os seus xéneros e coa música.
Outro libro, para coñecer a esta muller polifacética que ademais de música foi escritora de narrativa, teatro, poesia, ensaio, artigos xornalísticos e tradutora. Como puido darlle o tempo para tanto? E aínda hai obra por coñecer, aínda quedan escritos sen publicar... Agardámolos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario