Amosando publicacións coa etiqueta Luísa Villalta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luísa Villalta. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (II) Alma de violino.

Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.

De Xerais, ademais do libro de María Canosa: Luísa Villalta, melodía de palabras na colección Merlín, dirixido a rapazada de máis de once anos, está na rúa Luísa Villalta. Alma de violino de Beatriz Maceda e Eli Ríos con ilustración de Laura Suárez. Un libro de gran formato con moita ilustración e o equivalente a máis ou menos unha páxina de texto por plana. Unhas imaxes magníficas que ademais lembran o retrato de Luísa Villalta. 

A alma do violín é unha pequena peza que se coloca no interior e por debaixo da ponte que soporta a presión das cordas tensadas. Violín ou violino como ela o denominaba, é o instrumento que tocou ao longo da vida e co que participou na Xove Orquestra de Galicia ou no grupo Escaino. Alma de violino era a alma que tiña Luísa na que a poesía e a música ían da man. 

É con palabras, ao redor delas como se conta a historia de Luísa, das palabras favoritas das autoras: Infancia, Violino, Lingua, Galiza, Silencio, Compromiso, Escrita, Cidade, Muller e Alma. Recóllese un poema "Materia de Alexandre Bóveda" e unha serie de citas da autora das Letras. Nada lle foi alleo a Villalta en canto a asumir compromisos co país, coa lingua, co feminismo, coa cultura, coa paz, coa memoria histórica, coa ecoloxía... a participación nos diferentes medios de comunicación e nos diferentes foros  de opinión e organizacións (Mesa pola Normalización Lingüística, AELG, Galeusca...). Un compromiso tamén coa escrita en todos os seus xéneros e coa música. 

Outro libro, para coñecer a esta muller polifacética que ademais de música foi escritora de narrativa, teatro, poesia, ensaio, artigos xornalísticos e tradutora. Como puido darlle o tempo para tanto? E aínda hai obra por coñecer, aínda quedan escritos sen publicar... Agardámolos!

venres, 19 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (III) Tinta do mar

Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta escrito por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla aparece publicado na colección Mulleres galegas da editorial Lela. 

O violín e a cidade d´A Coruña enmarcan as gardas. Preséntase así:"Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), foi unha escritora, docente e violinista galega, homenaxeada no ano 2024 co Día das Letras Galegas. Unha intelectual poliédrica que traballou en distintos campos, e en todos ben: poesía, teatro, narrativa, ensaio, música e colaboradora habitual en xornais e revistas. Foi unha muller feminista, ecoloxista e amante da nosa lingua, comprometida cos movementos sociais e culturais como A Festa da Palabra Silenciada e Burla Negra, e formou parte da Mesa Pola Normalización Lingüistica e da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega."

Os seus versos:

"E o mar interminabel danza, borra / o nome escrito sen que o ritmo morra" 

"Nacín enfronte de min mesma  /  cando a Pescadería era un leito de sereas"

Andei por Santiago / pisando estrelas  / na noite."

Para máis información... xa sabedes nas bibliotecas e tamén, sempre, na páxina do Seminario Galán

martes, 16 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (I): Luísa Villalta, a literatura envolta en música

Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.

De Xerais, Luísa Villalta, melodía de palabras de María Canosa con ilustración de cuberta de Laura Romero (colaxe no seu estilo cunha Lúisa moi recoñecible) e fotografías no interior. Trae consigo un código QR que dá acceso a unha pequena intervención de María Canosa presentando a biografía da escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2024. Un libro que analiza a biografía da autora en base a núcleos temáticos relacionados coa música: pentagrama, cada unha das notas DO (de dozura), RE (de reservada), MI (de militancia e amizade), FA (de formación académica), SO (de sólida), LA (de latexo), SI (de silencio) e Harmonía, para rematar cunha selección de poemas de Villalta, un apartado de outras publicacións desta autora non mencionadas no texto e unha páxina de agradecementos que fala da xenerosidade e gratitude de María Canosa.

Tal como comenta no vídeo, María conta esta historia tal como ela quería que lla contasen.  Unha vez que ten toda a información posible ao redor de Luísa decide organizala explicándonos como foi a súa vida e os seus grandes empeños: a palabra e a música. Estrutura a documentación e vainos presentando cada etapa e ámbito despois dunha introdución relacionada coa música, na que nos explica ese aspecto dunha maneira realmente rica e interesante, algo que ten que ver coa súa capacidade para a escrita de non ficción, informando do realmente atractivo e valioso. A escrita de teatro (Concerto para un home só, O representante, O paseo das esfinxes publicados nos Cadernos Dramáticos Galegos, As certezas de Ofelia e Os doces anos da guerra; a traducion de Manifesto por un novo teatro de Pasolini ou o estudo O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral) poesía (Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo, Apresados sen presa, Estudo das sombras, Modulación de Orfeu, En concreto...), ensaio (O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, Poética. Sobre un certo estado de conciencia (2002). A lingua dos sons (2003), A Música e Nós e artigos xornalísticos (Libro das colunas), as amizades que a enriqueceron (Beiras, Pillado, Fernán Vello, Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Pepe Cáccamo... os poetas dos oitenta e dos noventa), os compromisos adquiridos co país e a súa cultura (especialmente coa lingua), a defensa dos valores democráticos e da identidade lévana a converterse nunha persoa responsable coa sociedade e o tempo no que lle tocou vivir, participando nos movementos sociais e actuando ante os problemas colectivos coma o Prestige, a guerra, o problema palestino...

Unha obra sobre a autora das Letras realizada dende unha mirada diferente, dende unha óptica que ten que ver co seu outro amor: a música; porque di a autora que "unha arte só se pode explicar desde outra arte".