Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.
De Xerais, Luísa Villalta, melodía de palabras de María Canosa con ilustración de cuberta de Laura Romero (colaxe no seu estilo cunha Lúisa moi recoñecible) e fotografías no interior. Trae consigo un código QR que dá acceso a unha pequena intervención de María Canosa presentando a biografía da escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2024. Un libro que analiza a biografía da autora en base a núcleos temáticos relacionados coa música: pentagrama, cada unha das notas DO (de dozura), RE (de reservada), MI (de militancia e amizade), FA (de formación académica), SO (de sólida), LA (de latexo), SI (de silencio) e Harmonía, para rematar cunha selección de poemas de Villalta, un apartado de outras publicacións desta autora non mencionadas no texto e unha páxina de agradecementos que fala da xenerosidade e gratitude de María Canosa.
Tal como comenta no vídeo, María conta esta historia tal como ela quería que lla contasen. Unha vez que ten toda a información posible ao redor de Luísa decide organizala explicándonos como foi a súa vida e os seus grandes empeños: a palabra e a música. Estrutura a documentación e vainos presentando cada etapa e ámbito despois dunha introdución relacionada coa música, na que nos explica ese aspecto dunha maneira realmente rica e interesante, algo que ten que ver coa súa capacidade para a escrita de non ficción, informando do realmente atractivo e valioso. A escrita de teatro (Concerto para un home só, O representante, O paseo das esfinxes publicados nos Cadernos Dramáticos Galegos, As certezas de Ofelia e Os doces anos da guerra; a traducion de Manifesto por un novo teatro de Pasolini ou o estudo O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral) poesía (Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo, Apresados sen presa, Estudo das sombras, Modulación de Orfeu, En concreto...), ensaio (O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, Poética. Sobre un certo estado de conciencia (2002). A lingua dos sons (2003), A Música e Nós e artigos xornalísticos (Libro das colunas), as amizades que a enriqueceron (Beiras, Pillado, Fernán Vello, Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Pepe Cáccamo... os poetas dos oitenta e dos noventa), os compromisos adquiridos co país e a súa cultura (especialmente coa lingua), a defensa dos valores democráticos e da identidade lévana a converterse nunha persoa responsable coa sociedade e o tempo no que lle tocou vivir, participando nos movementos sociais e actuando ante os problemas colectivos coma o Prestige, a guerra, o problema palestino...
Unha obra sobre a autora das Letras realizada dende unha mirada diferente, dende unha óptica que ten que ver co seu outro amor: a música; porque di a autora que "unha arte só se pode explicar desde outra arte".
Ningún comentario:
Publicar un comentario