Amosando publicacións coa etiqueta Eli Ríos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eli Ríos. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (II) Alma de violino.

Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.

De Xerais, ademais do libro de María Canosa: Luísa Villalta, melodía de palabras na colección Merlín, dirixido a rapazada de máis de once anos, está na rúa Luísa Villalta. Alma de violino de Beatriz Maceda e Eli Ríos con ilustración de Laura Suárez. Un libro de gran formato con moita ilustración e o equivalente a máis ou menos unha páxina de texto por plana. Unhas imaxes magníficas que ademais lembran o retrato de Luísa Villalta. 

A alma do violín é unha pequena peza que se coloca no interior e por debaixo da ponte que soporta a presión das cordas tensadas. Violín ou violino como ela o denominaba, é o instrumento que tocou ao longo da vida e co que participou na Xove Orquestra de Galicia ou no grupo Escaino. Alma de violino era a alma que tiña Luísa na que a poesía e a música ían da man. 

É con palabras, ao redor delas como se conta a historia de Luísa, das palabras favoritas das autoras: Infancia, Violino, Lingua, Galiza, Silencio, Compromiso, Escrita, Cidade, Muller e Alma. Recóllese un poema "Materia de Alexandre Bóveda" e unha serie de citas da autora das Letras. Nada lle foi alleo a Villalta en canto a asumir compromisos co país, coa lingua, co feminismo, coa cultura, coa paz, coa memoria histórica, coa ecoloxía... a participación nos diferentes medios de comunicación e nos diferentes foros  de opinión e organizacións (Mesa pola Normalización Lingüística, AELG, Galeusca...). Un compromiso tamén coa escrita en todos os seus xéneros e coa música. 

Outro libro, para coñecer a esta muller polifacética que ademais de música foi escritora de narrativa, teatro, poesia, ensaio, artigos xornalísticos e tradutora. Como puido darlle o tempo para tanto? E aínda hai obra por coñecer, aínda quedan escritos sen publicar... Agardámolos!