Amosando publicacións coa etiqueta A partir de 3 anos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A partir de 3 anos. Amosar todas as publicacións

sábado, 22 de agosto de 2026

A xirafa e o rato





 A xirafa e o rato 
de Tomi Ungerer e Barbara Brenner traducido por Óscar e Sandra Senra Gómez está publicado por Kalandraka na colección Tras os Montes.

Da presentación editorial:"Un clásico contemporáneo sobre a amizade, a colaboración e como as diferenzas poden converterse en fortalezas, co estilo inconfundible de Tomi Ungerer." 

Non podían ser máis diferentes pero coincidiron baixo unha figueira, miráronse e viron as diferencias (alta, baixo, grande, pequeno, castaña, gris, ríronse un do outro, discutiron quen era mellor e niso estaban cando un cazador comete unha imprudencia e o bosque arde, sen que eles se dean conta. Canto se ven entre o lume, asustados, cada un pon en marcha as súas artes e conseguen escapar ata o lago ao que se dirixiron todos os animais. Daquela, recoñecen o valor do outro, porque o rato escoitou aos animais fuxindo e a xirafa veu cara onde estaba o lago, agora tampouco é cousa de discutir por quen é mellor dos dous aínda que c ase case porque a xirafa di que se non chega a ser polo rato non se salvan e o rato di o mesmo dela. A xirafa e o rato, tan distintos e tan necesarios. Polo medio da historia, aquilas outras historias que a acomapañan (o mono entre a follaxe, a bolboreta libando flores, a atuendo completo do cazador, toda a fauna do bosque correndo, o cazador a piques de ser cazado polo crocodilo, os tonos neutros agás o negro da noite e o vermello do lume que se estende polas gardas...

Distintos pero igual de importantes, distintos pero amigos, a xirafa e o rato. 

luns, 27 de xullo de 2026

As dúas avoas

Nina e Tina de Beatriz García - Huidodro e Raquel Catalina Ledesma, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección Demademora para lectorado a partir de tres anos.    

Non sempre as avoas son como aparecen nos libros que as crianzas len, por iso unha desteas criaturas nos conta como son as súas, totalmente diferentes ás que ve no papel. Máis alá de ir analizando as diferenzas entre o que le e o que ve nas súas avoas (tan diferentes unha da outra) está o que vai descubrir, porque os libros igual non se enganan tanto, ou si? 

Esa relación tan especial entre avoas e netas merece este e moitos libros máis, tal como pode verse na edición en galego. E... que riqueza que as avoas podan ser tan distintas unhas das outras!

As ilustracións moi interesantes. Polos trazos soltos e abocetados realizados con lapis de cores, cun uso contido da cor, a diversidade de planos e por facer protagonista a mirada da nena máis alá do que conta. Unha serie de metáforas visuais axúdannos a enriquecer a lectura, máis alá da chiscadela do gato da primeira páxina, o desenvolvemento da imaxinación da nena a partir da lectura, as posturas e representación da pequena moi autónoma que se move polo plano mentres os pais fan sempre outra cousa. Estes van avanzando nunha preparación que só entenderemos ao final; ela ao seu, contándonos o que pensa, movéndose pola escena con total liberdade. A nena está de cumpreanos dísenos na imaxe, cumpre catro, igual que se nos di que é o que lle gusta, os agasallos que recibe ou o que le. 

Unha combinación perfecta de texto e imaxe!

domingo, 16 de novembro de 2025

A miña mascota e máis eu, A banda que ninguén coñece...

A miña mascota e máis eu de David Hernández Sevillano e Alejandra Estrada está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial:"Un entrañable relato de amizade entre un can e un neno narrado dende un punto de vista diferente." Certamente, o mellor é ir lendo o álbum e deixando que nos sorprenda porque "Chámome Coco e sempre tiven unha mascota. Cando era pequeno mamá tiña unha mascota na casa e agora eu quedei co seu fillo. Encántanme as mascotas pero non é doado atendelas. A miña mascota e máis eu coidámonos moito: el reenche a miña cunca de auga e eu procuro que non lle faga dano comer demasiado (...)" Nas imaxe a lapis (negro, verde e marrón) un neno e un can, o neno con gafas e o can... case. O humor e a tenrura van ocupando as páxinas con esa escaseza de recursos que converten o álbum nunha obra magnífica.

A banda que ninguén coñece de Nadia Budde está traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka. Da presentación editorial: "Un divertido álbum repleto de situacións disparatadas, xogos de palabras e rimas delirantes co que imaxinar a historia dun particular grupo de rock." Nas gardas aqueles símbolos que caracterizan a cada un deles.

Comezan presentándose, primeiro por anacos e logo de corpo completo mentres o público aumenta e os vai observando. Son extravagantes como corresponde a unha banda. NInguén os coñece nin por partes nin a corpo completo, comezan a tocar e alá vai o público correndo ao concerto, bailan ata a madrugada, os veciños piden que pare xa  a festa, retíranse cansos, nesas os músicos despídense  "Adeus camaradas!" (todos os coñecen). Onde está a diferenza entre ser coñecido ou non?, como se dan a coñecer?, é necesario ser. 

martes, 22 de xullo de 2025

Álbum ilustrado: Non é uha caixa, é unha cidade


Non é uha caixa, é unha cidade de Antoinette Portis está traducido por Chema Heras e Pilar Martínez, publicado por Kalandraka en Demademora.

Así se presenta: "O coelliño quere construír unha cidade con caixas de cartón e cre que non precisa axuda de ninguén: nin da xirafa, nin das formigas, nin sequera do camaleón. Pero non hai nada mellor que o traballo en equipo." O valor da creatividade, a colaboración e o traballo en equipo.  

Porque a seguridade nun mesmo debe ter un límite, a posesión tamén ("esta é a miña cidade"), deberamos crer nos demais e compartir con eles o traballo e o froito porque todos axudamos e así conseguimos que esta "sexa a nosa cidade!"

Marabillosas ilustracións cheas de caixas e elementos xeométricos que se combinan cuns debuxos figurativos mínimos de animais (xirafa, formigas, camaleón) que ocupan o espazo ao lado do coelliño branco que vai cambiando de actitude.