luns, 12 de xuño de 2023

Un magnífico libro sobre a gran teoría

En continua evolución de Santiago Ginnobibli, con ilustracións de Guido Ferro, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka

Da Presentación editorial: "Este libro acércanos á teoría de Darwin e axúdanos a entender mellor quen somos e de onde vimos". Non se pode dicir máis claro, partindo da observación dos diferentes tipos de animais e da análise daqueles aos que nos semellamos máis, acompañamos a peripecia biográfica de 

Darwin, a súa viaxe ao redor do mundo... imos achegándonos a nós mesmos, a quen nos parecemos e de aí para atrás ata chegar á primeira familia, de aí aos grandes simios (chimpancé, orangután e gorila), logo aos mamíferos cos que compartimos a crianza dos fillos e... camiñando coa cabeza atrás atrás chegamos a que toda a vida na Terra foi unha familia que pode estudarse a través da xigantesca árbore da vida. Foi difícil de aceptar a aínda hoxe dá traballo porque os cambios son moi lentos e se é complicado mirar cara atrás facelo cara ao futuro aínda o vai ser máis. Pero, ao remate fálasenos da ciencia "Non te convence algo do que che contei? Está ben, nunca creas todo o que che din. Estas ideas, estas ferramentas, poden perfeccionarse. Poden, incluso, abandonarse e substituírse por outras. Porque o coñecemento constrúese de forma colectiva e sempre pode mellorarse. Iso dixo Darwin, e iso continuamos a facer. Se che gustan estas ideas son túas. Podes apropiarte delas, modificalas, desenvolvelas, amplialas e, quizais, contárllelas ás túas amigas, aos teus alumnos, ás túas sobriñas, aos teus fillos. Porque somos mamíferos e lles transmitimos ás nosas crías o que nos ensinaron e aprendemos. Para cambiar estas ideas por outras mellores terás que facerte novas preguntas, quizais algunhas que aínda ninguén se fixese."

Magníficos textos, ilustracións marabillosas que dende as propias gardas buscan abrirnos a mente e facernos pensar ao tempo que nos divirten polo contraditorias que poden resultar, debuxos científicos, láminas de natureza aventureira como esa do mar embravecido polo que navega o Beagle, cambios que nos van gustar como ver o Pensador de Roden convertido en Pensadora e... de fondo esa maneira de obrigarnos a facernos preguntas e chegar a conclusións que sempre van no camiño de respectar toda a vida que nos rodea, todos os ecosistemas que hai no planeta. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario