Houbo unha vez unha sala onde tiveron lugar mil e un espectáculos, coa participación de xente moi distinta, máis ou menos artistas, de campos ben variados... Era a Sala Nasa, si con nome da arte de pesca e tamén da estación espacial, por iso hai navegantes que parten da NASA. Era tanta a creatividade que alí se respirou que resulta difícil contalo. A sala que era residencia do grupo de teatro Chévere que conseguiu o premio nacional de teatro, que foi sen dúbida un dos mellores, que foi expulsado da sala por un alcalde que pouco despois de descubriu corrupto... Unha longa historia que merece a pena ser contada.
Un libro Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural, con texto de Chévere e publicado por Kalandraka Editora que obtivo o premio á Iniciativa bibliográfica do Follas Novas 2023. Unha exposición nas salas do antigo concello na praza de Cervantes e agora un cómic co título Navegante. Unha viaxe a bordo da sala Nasa.
Así se presenta: "A sala Nasa foi un espazo de investigación, produción e exhibición artística creado polo grupo Chévere, construído coa suma de moitas voces e sensibilidades, que desbordou o ámbito cultural para fundar unha especie de praza aberta e autónoma nun arrabaldo da cidade de Santiago de Compostela. Trinta anos despois da súa apertura en 1992, O Navegante achégase ás historias que se cruzaron na Nasa, contadas desde a mirada dun neno que se criou entre as súas paredes. Algo que inevitablemente leva a historia a outra dimensión, transformando un relato autobiográfico nunha aventura de iniciación chea de elementos fantásticos. Ese neno que agora volve á Nasa para debuxala é Tristán Ron Ferreirós. Naceu en Compostela en 1998. Nesta cidade comezou a súa formación na Escola de arte Eco e despois co debuxante Fran Bueno. Fixo o bacharelato de artes no IES de Sar. Estudou BB.AA. na Universidade Politécnica de Valencia. Máster de animación dixital na BAU Centre Universitari D'arts i Disseny de Barcelona. Animación 2D na Escola de Cinema de Barcelona. O Navegante é o seu primeiro cómic publicado."
TRistán conta con outro traballo de ilustración: Dramawalker Vite
Ningún comentario:
Publicar un comentario