venres, 23 de xuño de 2023

ESTRELAS GALEGAS DA CIENCIA

Estrelas galegas da ciencia. Unha historia de persoeiros e de achados asombrosos con textos de Maite Vence, Manuel Vicente e Andrea Bures con ilustracións de Clara Cerviño, publicado por Hércules de Ediciones. Esta historia de persoeiros e achados asombrosos recolle a historia da ciencia no territorio galego, así como tamén ás figuras de investigadores que a posibilitaron no pasado, todo isto entre o período de tempo que vai do século XVII ata o XX.

Dez historias sobre científicos e científicas galegas: José Rodríguez (o matemático internacional que participou na medida do metro), Isabel Zendal (os heroes tras a vacinación contra a variola), Domingo Fontán (o primeiro mapa de Galicia), Vicente Vázquez Queipo (O autor do best-seller que popularizou o cálculo), Antonio Casares (pioneiro da química ao servizo da sociedade), Ramón María Aller e Antonia Ferrín (a paixón pola astronomía), Isidro Parga Pondal e Guillermo Schulz (os primeiros estudosos da xeoloxía galega), Fernando Fraga (o descubridor do afloramento costeiro galego), Ángeles Alvariño (unha oceanógrafa de repercusión mundial) e María Wonenburger  (a riseira "nai matemática" dos meirandes alxebristas). Catorce científicos/as. Para rematar, un mapa con puntos de interese.

"Na obra mestúrase a ficción coas biografías, xunto tamén con explicacións divulgativas das principais contribucións, de forma que o libro suma unha compilación de 12 capítulos. No primeiro deles lévase a cabo unha breve introdución á historia da ciencia en Galicia e, nos seguintes, explícase a biografía de ditos persoeiros en relación cos seus achados.

Desta forma, todos os capítulos seguen a mesma estrutura: comezan cun breve contexto sobre o momento histórico no que se desenvolve a vida do protagonista, e seguen cun texto que mestura os achados reais con pequenos diálogos ficcionados que cada protagonista mantén con compañeiros ou familia, co obxectivo de achegar de maneira amena explicacións científicas relativas ao traballo de cada un deles."

Ningún comentario:

Publicar un comentario