venres, 16 de xuño de 2023

Varios títulos: Os Mug chegados dende a prehistoria á actualidade, A miña cadeliña e Fraga de Pasacorrendo

Os Mugs atrapados no móbil de Begoña Oro con ilustracións de Alejandro Villén, aparece publicado en S.M. Xerme. Pertence á serie dos Mugs, unha familia do Paleolítico que aparece na actualidade xunto co seu alicorno. Todo é novo para eles, un día atopan unha foto súa no móbil e cren que están atrapados aí dentro, deste e doutros malentendidos aliméntanse as súas historias.

Na páxina contan con fichas para realizar actividades ao redor da lectura.

A miña cadeliña de Francisco Rodríguez Iglesias con ilustracións de Estefanía Padulles está publicado por Hércules Edicións na colección Hércules e a Terra. A relación entre o avó e a neta, contada por ela mesma, narrando a historia desa cadela que o avó lle agasallou, de como lle pon o nome, como a coida, como debe desfacerse dela e como a recupera, como queda preñada e ten tres cadeliños, como o avó lle vai presentando as terras de seu coas árbores e cultivos ou plantas e como unha vaga de incendios acaba con todo ata cunha das crías da cadela. A veciñanza en plan solidario apoia que a cadela quede cos dous cadelos e coa súa axuda, vanse realizar actividades que promovan o respecto á natureza e o avó acaba por facer unha proposta: A educación debe comezar pola familia (os maiores han de informalos moi ben sobre a natureza para que a amen e a defendan sempre), esta educación debe continuar na escola (o profesorado debe seguir concienciándoos, a eles e á sociedade en xeral), esta educación tamén debe chegar ata os políticos que han de comprometerse e crear leis que eviten o abandono do campo e que protexan os usos da terra, esta educación debe estenderse a toda a sociedade que debe estar informada das gravísimas consecuencias dos incendios forestais e tamén deben estar preparados para facerlle fronte para que os danos sexan os menores posibles...

A fraga de Pasacorrendo de Carmen Pením ilustrado por Jessica Cidrás e publicado por Toxosoutos.  

Unha música que decide facer algo para rapazada, un audiocontos con cancións. Vainos contando...Un lobiño con frío, un paxariño cagón, un ratiño artista... e moitos personaxes máis cos que vivir as aventuras desta marabillosa fraga! Contos e poemas, música e cancións aos que acceder a través dun código QR, todo iso acompañado das músicas en pentagrama para poder acompañar as cancións coa voz ou un instrumento. Quen dá máis?

Benvida, Carmen, ao mundo infantil!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario