A curva da pantasma de Fran Alonso responde a ese epígrafe de lendas urbanas, desas historias (normalmente ao redor do misterio e o terror que son de creación recente e van pasando de boa a orella. É como a continuación das lendas tradicionais, dos contos que se contaban ao carón da lareira e agora seguramente de contan nas viaxes en coche, nas quedadas, nas redes sociais...
Baixo a miña humilde opinión, este non é un libro logrado, téntase darlle o ton de como o conta (seguramente) a xente moza pero non acaba de convencerme. Dúas das historias nas que o escritor se fai presente, semellan escritas para encher baleiros, pero claro van no estilo que seguramente se busca e que non terían cabida nun prólogo. Non me achegan nada, a verdade, e resúltanme actos fallidos por parte do escritor e editor, igual que me resultou unha obra menor o paso de Carlos Negro da poesía ao relato xuvenil de terror. Si, nestas alturas hai moita xente que sabe escribir e pode dedicarse a calquera xénero e hai xente repugnantiña que agardabamos algo máis de determinados autores aos que admiramos moito noutro tipo de textos. Tampouco sei se o mellor que pode facer un editor galego, neste momento, co seu tempo sexa escribir, xa o fixeron outros (non sei se é desculpa) pero ás veces facemos traballos alternativos cando non estamos contentos co primordial. É cousa de mirarse.
Preséntase así: "As lendas urbanas tamén forman parte da rica tradición oral que deu
lugar á literatura. Hoxe desenvólvense nun contexto moderno e
transmítense por medio das novas tecnoloxías, pero ao mesmo tempo teñen
moita historia. Partindo da estrutura e do espírito das lendas urbanas,
Fran Alonso reescríbeas desde o presente en "A curva da pantasma", sen
renunciar ao medo e ao misterio como motor da narración. A través delas,
aborda temas como o consumo de alcohol, o machismo, os incendios
forestais, o acoso escolar, a verdade e a mentira, as relacións na
adolescencia, as redes sociais, a diferenza, a exclusión, a postverdade
ou o propio papel da literatura." E si, é certo, aborda problemas moi actuais e de necesaria reflexión. Publicado por Xerais en Fóra de Xogo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario