Amosando publicacións coa etiqueta Hércules edicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Hércules edicións. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de xuño de 2023

Varios títulos: Os Mug chegados dende a prehistoria á actualidade, A miña cadeliña e Fraga de Pasacorrendo

Os Mugs atrapados no móbil de Begoña Oro con ilustracións de Alejandro Villén, aparece publicado en S.M. Xerme. Pertence á serie dos Mugs, unha familia do Paleolítico que aparece na actualidade xunto co seu alicorno. Todo é novo para eles, un día atopan unha foto súa no móbil e cren que están atrapados aí dentro, deste e doutros malentendidos aliméntanse as súas historias.

Na páxina contan con fichas para realizar actividades ao redor da lectura.

A miña cadeliña de Francisco Rodríguez Iglesias con ilustracións de Estefanía Padulles está publicado por Hércules Edicións na colección Hércules e a Terra. A relación entre o avó e a neta, contada por ela mesma, narrando a historia desa cadela que o avó lle agasallou, de como lle pon o nome, como a coida, como debe desfacerse dela e como a recupera, como queda preñada e ten tres cadeliños, como o avó lle vai presentando as terras de seu coas árbores e cultivos ou plantas e como unha vaga de incendios acaba con todo ata cunha das crías da cadela. A veciñanza en plan solidario apoia que a cadela quede cos dous cadelos e coa súa axuda, vanse realizar actividades que promovan o respecto á natureza e o avó acaba por facer unha proposta: A educación debe comezar pola familia (os maiores han de informalos moi ben sobre a natureza para que a amen e a defendan sempre), esta educación debe continuar na escola (o profesorado debe seguir concienciándoos, a eles e á sociedade en xeral), esta educación tamén debe chegar ata os políticos que han de comprometerse e crear leis que eviten o abandono do campo e que protexan os usos da terra, esta educación debe estenderse a toda a sociedade que debe estar informada das gravísimas consecuencias dos incendios forestais e tamén deben estar preparados para facerlle fronte para que os danos sexan os menores posibles...

A fraga de Pasacorrendo de Carmen Pením ilustrado por Jessica Cidrás e publicado por Toxosoutos.  

Unha música que decide facer algo para rapazada, un audiocontos con cancións. Vainos contando...Un lobiño con frío, un paxariño cagón, un ratiño artista... e moitos personaxes máis cos que vivir as aventuras desta marabillosa fraga! Contos e poemas, música e cancións aos que acceder a través dun código QR, todo iso acompañado das músicas en pentagrama para poder acompañar as cancións coa voz ou un instrumento. Quen dá máis?

Benvida, Carmen, ao mundo infantil!

 

luns, 13 de febreiro de 2023

O Arranxacontos e Sidi, unha viaxe cara á vida

Dous contos ben distintos. Ambos en pequeno formato, agora que semella que canto máis grande mellor...O primeiro deles está publicado en Malian que semella unha editorial da casa, onde publican autora e ilustradora. Unha historia xunta historias, algo tamén moi de moda. O Arranxacontos é un mago que fai iso, mantén as historias tradicionais de tal forma que podan seguir contándose, atende as a chamada da Bruxa Malvada de Brancaneves porque non lle quedan mazás ou a Riciños de Ouro porque esnaquizou a cadeira dos Tres Osos... pero un bo día chegan á porta uns personaxes que non queren seguir facendo o rol que lles está asinado, el métese nos seus relatos e ve se realmente ha motivo de queixa ou non, e resolve o problema. Cando remata a historia, aparece o apartado "Xoga, crea e divírtete" de forma que se lle propoñen actividades á rapazada ao redor do libro, uns pasatempos. As autoras: Paula Merlán e a ilustrador Blanca Millán achegan esa dose de alegría nos historia que ben remata e nas imaxes amables e co selo que caracteriza a súa obra.

O segundo é de Lino Braxe (o polifacético autor e home de teatro que nos deixou hai un tempiño) e as ilustracións de María Braxe. Está publicado por Hércules edicións e conta a historia dun neno africano que ten que vir a Europa para operarse dunhas doenzas. O relato e as cartas que a  voz narradora lle envía remítennos a Terra de Homes, unha ONG que se encarga de facilitar a viaxe e estancia desa rapazada entre nós.   

Un libro de entretemento e outro de reflexión, de traballo a favor de facer visible un problema e a posible vía de solución. Moi distintos na forma e no fondo.