Amosando publicacións coa etiqueta Divulgación científica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Divulgación científica. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de decembro de 2024

Historias fascinantes da ciencia en Galicia

Historias fascinantes da ciencia en Galicia está escrito por Eduardo Rolland e Manuel Rey, ilustrado por Andrea López Álvarez e publicado por edicións Embora.

Da presentación editorial: "Sabías que un galego inventou a máquina multiplicadora? E que nos montes de Lugo habitaron mamuts? E que outro galego, de Cotobade, deseñou en 1865 un trebello que adiantaba o fenómeno da voz sintética e as “máquinas que falan”?

A historia da ciencia, dos inventos, do estudo da natureza e da realidade está chea de pequenos fitos –curiosos uns, abraiantes outros, fantásticos (ou sexa, magníficos) sempre-, que alumean o camiño cara o descoñecido.

Neste libro atoparás 40 historias galegas sobre o que Aristóteles chamaba “o desexo humano de saber”."

Eduardo Rolland codirixe a páxina de ciencia en galego: Gciencia, polo tanto estamos ante un especialista neste campo e tamén no da comunicación. 

Algunhas destas historias xiran ao redor da fervenza do Ézaro, unha praia negra en Galicia, a relación entre Newton e o tesouro da batalla de Rande, como funciona o botafumeiro da catedral, cando chove estrelas, o ouro da Gallaecia que sostivo a Roma, o mapa que colocou Galicia como centro do mundo, fogos fatuos e Santa Compaña, dromedarios na muralla de Lugo, o navío galego que se perdeu na Antártida, un meridiano para Galicia, unha engurra na Terra de 500 millóns de anos, cando o tigre campaba por Galicia...

xoves, 16 de maio de 2024

A tradución dun libro de non ficción publicada por Baía edicións

Unha nova tradución dun libro de non ficción publicado por Baía edicións. Trátase de A linguaxe das plantas. Os seres máis fascinantes do planeta de Darya Beklemesheva e Helena Harastová e traducido por María Reimóndez.

Preséntase así: "Que pasaría se as plantas tivesen súper poderes dos que nada sabemos? Podería ser que as plantas sexan as donas do mundo? Cando miras para as plantas e as árbores seguramente dirás: moi bonitas, pero un pouquiño aburridas. As plantas nin andan nin falan e aínda por riba non fan nada cando as arrincamos, cortamos e cando lles prendemos lume. Pero sabemos o que facemos? Hai moitos científicos recentes que poñen patas arriba a nosa percepción tradicional das plantas e das árbores. Agora non só sabemos que se interesan polo mundo que as rodea, senón que reaccionan ante el. Ademais, comunícanse de xeitos que quen nos dera aos humanos!"

Un traballo moi interesante no que se recollen os resultados de investigacións que nos fan reflexionar sobre o mundo vexetal: os seus recursos, intelixencia natural, maneira de adaptarse ao medio ou de defenderse dos perigos, a memoria que pode gardar no tempo ou como utilizan o que nós entendemos por sentidos... Imaxe e textos magnificamente combinados para achegar toda a información posible, de forma amena e razoada. Un glosario final axuda á compresión e as traducións deste tipo de libros da man de Reimóndez enriquecen o produto e o saber.

luns, 2 de outubro de 2023

Divulgación científica. Neuroloxía.

A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano é un libro de non ficción, de información, de coñecemento, de divulgación... Está escrito por Paula Rivas Ramírez, unha neurocientífica, e ilustrado por Iago Araújo, publicado na colección Seica de Xerais.

Así se presenta: "A medio camiño entre a ficción e a divulgación, A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano é un libro de contidos científicos para aprender gozando da lectura. Durante unha excursión a un instituto de investigación en neurociencia, a protagonista desta historia pérdese dos seus compañeiros e coñece uns ratiños científicos que lle explican como funcionan o cerebro e o sistema nervioso, e tamén que son as neuronas e como percibimos as cousas a través dos sentidos. Pouco a pouco, Antía vai descubrindo que detrás dos ratiños hai nomes de científicos famosos (Santiago Ramón y Cajal, Alois Alzheimer, James Parkinson e Margarita Salas) e vive unha experiencia extraordinaria." Todo isto mentres o seu grupo se está entrevistando con Xurxo Mariño. Personaxes de verdade na ficción, científicos convertidos en ratiños... E a dúbida: vai máis alá dunha boa lección nun libro de ciencias? é suficiente ou este tipo de libros deben dar outro salto máis?

Agradecemos a Xerais que publique estes libros tan necesarios en galego e animamos a continuar por este camiño.

venres, 23 de xuño de 2023

ESTRELAS GALEGAS DA CIENCIA

Estrelas galegas da ciencia. Unha historia de persoeiros e de achados asombrosos con textos de Maite Vence, Manuel Vicente e Andrea Bures con ilustracións de Clara Cerviño, publicado por Hércules de Ediciones. Esta historia de persoeiros e achados asombrosos recolle a historia da ciencia no territorio galego, así como tamén ás figuras de investigadores que a posibilitaron no pasado, todo isto entre o período de tempo que vai do século XVII ata o XX.

Dez historias sobre científicos e científicas galegas: José Rodríguez (o matemático internacional que participou na medida do metro), Isabel Zendal (os heroes tras a vacinación contra a variola), Domingo Fontán (o primeiro mapa de Galicia), Vicente Vázquez Queipo (O autor do best-seller que popularizou o cálculo), Antonio Casares (pioneiro da química ao servizo da sociedade), Ramón María Aller e Antonia Ferrín (a paixón pola astronomía), Isidro Parga Pondal e Guillermo Schulz (os primeiros estudosos da xeoloxía galega), Fernando Fraga (o descubridor do afloramento costeiro galego), Ángeles Alvariño (unha oceanógrafa de repercusión mundial) e María Wonenburger  (a riseira "nai matemática" dos meirandes alxebristas). Catorce científicos/as. Para rematar, un mapa con puntos de interese.

"Na obra mestúrase a ficción coas biografías, xunto tamén con explicacións divulgativas das principais contribucións, de forma que o libro suma unha compilación de 12 capítulos. No primeiro deles lévase a cabo unha breve introdución á historia da ciencia en Galicia e, nos seguintes, explícase a biografía de ditos persoeiros en relación cos seus achados.

Desta forma, todos os capítulos seguen a mesma estrutura: comezan cun breve contexto sobre o momento histórico no que se desenvolve a vida do protagonista, e seguen cun texto que mestura os achados reais con pequenos diálogos ficcionados que cada protagonista mantén con compañeiros ou familia, co obxectivo de achegar de maneira amena explicacións científicas relativas ao traballo de cada un deles."

martes, 6 de setembro de 2022

Un libro de bocados matemáticos e un libro de emocións?

Bocados matemáticos de Paulo González Ogando publicado por Xerais en Básicos Ciencia. Leamos: "Unha mirada adestrada consegue identificar elementos xeométricos, numéricos, lóxicos ou estatísticos ao seu arredor en multitude de situacións. Desde a forma do balón de fútbol ata o número que nos asignaron no noso DNI, nestas páxinas explícanse exemplos variados de aplicacións das matemáticas. O autor, profesor de secundaria, nesta obra dá respostas, fomenta a curiosidade e persegue que se perda o medo a facer uso das matemáticas. No seu blog http://compaseregra.blogspot.com leva compartidas máis de duascentas construcións dinámicas elaboradas seguindo as normas clásicas da xeometría con regra e compás.

A divulgación científica faise cada dçia máis imprescindible, por iso agradecemos cada un dos libros que aparecen en galego. Achegar a ciencia a todos os públicos e facelo en galego é algo realmente marabilloso. 

Defectos monstruosos de Alberto Hontoria Maceín, ilustrado por Nuria Díaz e traducido por Blanca Ana Roig está publicado por Hércules Edicións na colección Nova Lecturas de Hércules

Así se presenta: "Milo odia case todo. É desobediente, irrespectuoso e está sempre enfadado. Un día, tras sufrir un accidente, comeza a percibir un fenómeno extraordinario: o mundo está repleto de monstros que seguen aos humanos alá onde van. Pero a xente non o sabe, pois só Milo os pode ver. Aos poucos, Milo irá dándose conta de que cada monstro se parece sospeitosamente á persoa á que acompaña…" Cada monstro representa un defecto: a ira, a envexa, a soberbia, a timidez... e todo o que se agacha detrás de cada un deles. Milo aprende moito, cambia e tenta axudar aos demais. Pode ser este un libro para o traballo coas emocións, un libro dun psicólogo, haberá que pensalo...