Amosando publicacións coa etiqueta Baía editorial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Baía editorial. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de maio de 2024

A tradución dun libro de non ficción publicada por Baía edicións

Unha nova tradución dun libro de non ficción publicado por Baía edicións. Trátase de A linguaxe das plantas. Os seres máis fascinantes do planeta de Darya Beklemesheva e Helena Harastová e traducido por María Reimóndez.

Preséntase así: "Que pasaría se as plantas tivesen súper poderes dos que nada sabemos? Podería ser que as plantas sexan as donas do mundo? Cando miras para as plantas e as árbores seguramente dirás: moi bonitas, pero un pouquiño aburridas. As plantas nin andan nin falan e aínda por riba non fan nada cando as arrincamos, cortamos e cando lles prendemos lume. Pero sabemos o que facemos? Hai moitos científicos recentes que poñen patas arriba a nosa percepción tradicional das plantas e das árbores. Agora non só sabemos que se interesan polo mundo que as rodea, senón que reaccionan ante el. Ademais, comunícanse de xeitos que quen nos dera aos humanos!"

Un traballo moi interesante no que se recollen os resultados de investigacións que nos fan reflexionar sobre o mundo vexetal: os seus recursos, intelixencia natural, maneira de adaptarse ao medio ou de defenderse dos perigos, a memoria que pode gardar no tempo ou como utilizan o que nós entendemos por sentidos... Imaxe e textos magnificamente combinados para achegar toda a información posible, de forma amena e razoada. Un glosario final axuda á compresión e as traducións deste tipo de libros da man de Reimóndez enriquecen o produto e o saber.

venres, 13 de outubro de 2023

Unha nova obra de teatro

Os contos do Lobicán de Eva Mejuto obtivo o XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2022. Aparece agora publicado por Baía con ilustracións de Sofía Venzel

Da presentación editorial: "Os contos do Lobicán é unha proposta estética adaptada con rigorosidade ao teatro de monicreques; unha historia en verso, áxil, divertida e atrevida que busca darlle a volta ao conto, que combina personaxes e universos temáticos propios dos contos clásicos con temáticas de actualidade, nomeadamente o respecto pola natureza e a convivencia pacífica e respectuosa entre os seres humanos e os animais."

Personaxes dos contos tradicionais (lobo, avoa, carapuchiña ou Xiana...) nunha historia contada doutra maneira porque agora é o lobo quen vai á casa do avó e debe ter coidado cos humanos que poden aparecer no bosque. Xogos de palabras, rimas, cancións... fan da obra unha representación feliz.